Novidades musicais na Biblioteca Fórum

Con agosto xa rematando, todos sentimos aínda a necesidade de expremer ao máximo os últimos días deste verán tan atípico pero que saboreamos coma poucos.

Se algo botamos en falta durante a época estival foron os festivais e gozar da música ao vivo polas prazas e rúas da nosa xeografía. Un mazazo para moitos artistas que viron cancelar as súas actuacións unha detrás doutra en relación inversamente proporcional á subida do número de contaxiados polo coronavirus. Golpe tamén duro para ese público fiel que cada verán (ata este) se facía cos abonos de todas as fins de semana para coleccionar pulseiras no pulso.

Aínda que dende as Bibliotecas Municipais tampouco organizamos concertos polo de agora, seguimos apoiando a música e aos artistas galegos coa mesma intención. Facémolo completando o noso catálogo con discos praticamente saídos do forno e que xa podedes levar en préstamo.

Hoxe queremos falarvos das últimas novidades que incorporamos na Biblioteca Fórum Metropolitano. A algún dos artistas tivemos a sorte de poder entrevistalos durante o confinamento, como é o caso do xa amigo César de Centi, quen nos falou de como viviu a situación do confinamento e do seu último traballo “Bailando el incendio”. Un disco que xa tedes dispoñible no noso fondo. Se vos pica a curiosidade tamén podedes volver botarlle unha ollada á entrevista que fixemos fai un meses. Deixámosvola aquí.

Recén chegado á Biblioteca Fórum Metropolitano tamén está o novo traballo do ferrolán Andrés Suárez que leva o nome homónimo e que, en palabras do propio Andrés, é o disco “máis persoal” da súa vida onde cada canción é “un fragmento do seu pasado”.

De preto seguimos os traballos do grupo con raíces no Barbanza Agoraphobia de quen contamos con varios discos. Desta volta incorporamos “Unaligned”, traballo co que o cuarteto feminino de Boiro decidiron achegar o seu gran de area para facer máis levadeiro o confinamento, regalando a súa descarga dixital. Trátase dun álbum integrado por dez cancións, co que a banda viaxa á época máis alternativa dos anos 90.

De Guadi Galego faltábanos tan só a maravilla de “Immersion” para completar a súa discografía. Un disco en varias linguas, minimalista e arriscado que lle valeu o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado. En “Immersion”, Guadi recolle once temas xa editados nos seus anteriores traballos e outro máis inédito. Todo el é pura dozura, comezando pola capa, obra do gran Leandro Lamas.

Con “Liberando as arterias”,  un disco cheo de forza e calidade nas súas cancións, completamos tamén a discografía de Sés. O título do disco vén prestado dun poema da escritora e activista Luz Fandiño, cun verso que a artista leva tatuado no seu brazo e que reza: «Quero sangrar as miñas feridas para liberar as arterias».

Novidade é tamén o segundo disco das Tanxugueiras: “Contrapunto”. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e  Olaia Maneiro, gañadoras do Premio MIN ao Mellor álbum en galego, demostran que a música tradicional galega pode avanzar cos tempos, renovarse a cada paso e chegar a calquera escenario. As Tanxugueiras foron moi activas nas redes sociais durante a etapa do confinamento e a nosa devoción por elas ven de cando tivemos a ocasión de entrevistalas aproveitando a súa actuación no AgoraSón 2019.

Os amigos dos músicos, ou o que é o mesmo os ADM, son unha desas bandas que están a remover a nova canción  galega. Os de Ourense foron recoñecidos como mellor grupo de pop nos Premios Martín Códax dá Música  Galega (2017) e deles podemos rescatar a definición que eles mesmos se atribúen: “Reflicten a herdanza de Suso Vaamonde, Benedicto e Bibiano ou Batallán, sen perder orixinalidade, frescura nin personalidade.” Se aínda non os coñeces, non deixes de botarlle unha escoita ao seu disco homónimo.

E pechamos recomendacións de novidades deste agosto cun estilo ben diferente: o do novo disco do directo de Hongo “Live to ruin”. Con este traballo tédesnos que permitir a licenza de non ser imparciais. É a banda do noso compañeiro Iván, a quen veredes detrás do mostrador de Infantil se vos achegades por aquí polo Parque Europa.

Escoitade, xulgade e bailade vós mesmos, aquí vos deixamos unha pequena lista con todas as novidades na nosa canle de spotify.

E lembrade que sempre queda verán mentres haxa música!!