En clave de Á na Biblioteca Ágora

Un ano máis a Biblioteca Ágora, en colaboración coa Asociación de Estudantes do Conservatorio Superior de Música da Coruña (CSM), ofrece ao público a oportunidade de gozar da música en directo entre libros.

Un xoves ao mes, de febreiro a maio, solistas e grupos de cámara do CSM compartirán a súa arte no ciclo de concertos “En clave de Á. Con este proxecto, que viu a luz por vez primeira no ano 2018, queremos dar desde a biblioteca oportunidade ao alumnado do CSM de ensaiar o seu repertorio fóra das aulas con espectadores reais e ao noso público a fermosa oportunidade de escoitar música en directo nun espazo distinto aos habituais como é a sala de adultos da Biblioteca Ágora.

Imaxe tomada no concerto celebrado o 13 abril de 2023. Fai click na imaxe para ver o álbum de fotos en Flickr do ciclo “En clave de Á”.

Dentro deste ciclo, a primeira cita musical de 2024, é o vindeiro 8 febreiro ás 19.30 horas. Un evento no que teremos ocasión de escoitar e desfrutar do talento musical e artístico do Quinteto Caos -composto por Sara Piñeiro Rivas (trompeta), Xabier Vázquez Gutiérrez (trompeta), Pablo Pazos Rial (trompa), Antía Pardo López (trombón) e Daniel Varela Agra (tuba)- e do Dúo Shostakovich, formado por Esther Fernández González (violonchelo) e Sabela Alvariño González (piano). Velaquí o programa completo da velada:

Fai click na imaxe para ampliar información da proposta na web das Bibliotecas Municipais da Coruña.

Agardámoste este xoves 8 de febreiro ás 19.30 h na Biblioteca Ágora para gozar da música en directo nun concerto con entrada libre e para todos os públicos!

Ciclo de concertos: En clave de Á

Mañá xoves 2 de febreiro arrinca unha nova edición do ciclo de concertos En Clave de Á, unha proposta que naceu no ano 2018 como unha colaboración entre a Asociación de Estudantes do Conservatorio Superior de Música da Coruña (CSM) e a Biblioteca Ágora para ofrecer música de solistas e grupos de cámara do CSM nun espazo diferente.

Con este proxecto musical queremos dar oportunidade ao alumnado do CSM de que ensaien o seu repertorio con público real e ás nosas usuarias e usuarios de que gocen do espectáculo da música en directo, apostando deste xeito tamén desde a biblioteca pola educación e a cultura musical da cidade.

Fai click na imaxe para ampliar información da proposta na web das Bibliotecas Municipais da Coruña.

Un xoves ao mes, teremos ocasión de descubrir e gozar do talento musical das rapazas e rapaces do Conservatorio de Música nun concerto para tódolos públicos na sala de adultos da Biblioteca Ágora.

Neste primeiro evento que inaugura o ciclo, escoitaremos a Sabela Albariño González ao piano, a Carla López López ao violín e ao Quinteto CAOS -integrado por Sara Piñeiro Rivas (trompeta), Xavier Vázquez Gutiérrez (trompeta), Pablo Pazos Rial (trompa), Antía Pardo López (trombón) e Daniel Varela (tuba). Velaquí o programa completo da velada:

Achégate á Biblioteca Ágora a escoitar música en directo entre libros e aproveita para botarlle unha ollada á nosa sección de música!

En clave de Á-niversario

Fai pouco máis de 365 días poñíamos en marcha un ciclo de concertos que configuraba un novo punto de encontro entre patrimonio bibliográfico e sonoro, reafirmando o compromiso das Bibliotecas Municipais de A Coruña coa cultura musical da cidade. O proxecto “En clave de Á” xurdía como unha colaboración entre a Asociación de Estudantes do CSM da Coruña e a Biblioteca Ágora para ofrecer a música de solistas e grupos de cámara nun entorno un tanto diferente. Grazas ao esforzo e implicación de Eloy Vázquez e Susana Pérez, coordinadores da Asociación, o alumnado do Conservatorio saiu da “zona de confort” académica para ensaiar o seu repertorio ante un público real e entusiasmado coa iniciativa.

Doce meses nos que vimos pasar polo “escenario” bibliotecario a máis dunha treintena de artistas, tanto solistas como formacións diversas: duetos, un cuarteto de metal, un quinteto de vento, un grupo de jazz… Con eles descubrimos instrumentos tan singulares como o cello e o clarinete, gozamos da beleza da guitarra, emocionámonos co piano, apreciamos a peculiar sonoridade da flauta… Unha nova xeración de músicos que non só aposta por cambiar as regras da interpretación, senón tamén por diluir os límites entre os públicos e as formas contemporáneas de consumo cultural.

Este xoves tamén temos cita entre libros e melodías. Gozaremos da música de Ana Represas (cello), Cristina Bernal (piano) e do trío de violín, clarinete e piano formado por Aitor López, María Giraldes e Javier Segade. Será a partir das 19 h nun encontro de entrada libre e para todos os públicos. Agardámosvos!

programa_xaneiro

 

Un novo venres… en clave de Á

Este venres 23 de marzo as melodías de cámara inundarán de novo a Biblioteca Ágora na terceira sesión do ciclo En clave de Á. Nesta ocasión teremos a oportunidade de escoitar a Andrés Vázquez e Diego Mata, estudantes do Conservatorio Superior de Música da nosa cidade. Velaquí o programa!

Programa_Marzo

En clave de Á

A relación de literatura e música é unha das máis antigas e frutíferas colaboracións que se producen entre distintas manifestacións artísticas. Falar da marabillosa conmoción que ambas provocan é tan evidente como subxectivo. Na sonoridade, na iconografía, na pegada social… tanto chegan a compartir que hai cancións que son pura poesía e parágrafos que teñen melodía propia.

Na Biblioteca Ágora non se nos ocorreu mellor xeito de comezar o ano que alimentando esta relación. Grazas á colaboración dos estudantes do Conservatorio Superior de Música poñemos en marcha un atractivo proxecto musical para facer que os venres na biblioteca sexan diferentes: En clave de Á. Un ciclo de música de cámara que terá lugar o último venres de cada mes na zona xuvenil da biblioteca (sempre e cando os quefaceres académicos e/ou bibliotecarios, que non son poucos, non impoñan o contrario).

Cartaz_ClaveA

Os rapaces e rapazas do Conservatorio afirman que non hai cousa que poida apetecerlle máis a un músico que tocar, e máis aínda se é no seu barrio. Ilusiónalles poder amosar o seu repertorio diante do público real, público que adoita escasear nas audicións académicas. A primeira oportunidade para escoitalos vai ser este venres 26 de xaneiro ás 19 h. Nesta ocasión recibiremos a Laura Martínez e Eloy Vázquez.

Laura, no seu derradeiro ano de estudos, ofrecerá un pequeno anticipo do seu concerto de fin de grao. E como representante da Asociación de Estudantes do Conservatorio, Eloy tampouco quería nin podía perderse o comezo deste ciclo. Grazas a eles descubriremos como un instrumento imprescindible, a guitarra, pode facer marabillas en sonatas, oberturas ou temas con variacións, creando auténtica maxia sonora.

a

Laura Martínez e Eloy Vázquez serán os protagonistas da primeira sesión do ciclo musical. 

Un concerto de música íntima, pequena, acolledora, nun marco ideal para amosar o talento e esforzo dos nosos músicos máis novos. Coa finalidade, ademais, de apoiar a educación e cultura musicais da nosa cidade. Recordade, a partir do 26 de xaneiro e cada último venres de mes, agardámosvos a partir das 19 h nunha interesante actividade que será de entrada libre e para todos os públicos. Achégate a vivila connosco!