Samarúas abre a sexta temporada de Os Xoves na Sagrada

Disque a Costa de Morte é terra de naufraxios. Pero esta comarca coruñesa ten moitos máis aspectos, e moitos máis positivos, que os naufraxios que a marcan. Ben é certo que se é terra de naufraxios, é tamén terra de navegantes, e necesariamente navegantes ben curtidos e intrépidos para atreverse con esas axitadas augas. Con toda seguridade esta valentía e pericia marca o carácter dos habitantes destas terras. Ben o saben os compoñentes da banda que vai iniciar a sexta temporada de Os Xoves na Sagrada.

Samarúas está formado por mozos e mozas da Costa da Morte e da Coruña, outra terra ben batida polos mares e que sabe da súa bravura. Xente nova que malia a súa idade –móvense entre os 17 e os 24 anos– teñen sobradamente demostrada a súa valentía á hora de navegar polas augas, tamén axitadas en ocasións, da música. Malia a súa idade son navegantes –músicos– experimentados, porque os escenarios forman parte da súa vida desde nenos.

Samarúas

Gravando con Fernando Barroso – Producións do Cuarto Baleiro

Vimianzo, Baio, Camariñas e A Coruña, son os lugares de orixe destes seis músicos que desde o 2013 uniron os seus talentos para formar Samarúas, un grupo que eles mesmos definen como de folk tradicional galego, pero cun toque persoal propio. A través da gaita, a percusión, o acordeón, o violín, a guitarra e –por suposto– a voz, recrean un ambiente musical con reminiscencias mariñeiras –por algo as súas orixes están entre dous faros, a torre de Hércules e o Faro Vilán– pero sen esquecer que están en terra. Non en vano o seu nome, Samarúas, vén da linguaxe dos vellos canteiros galegos, –latín dos canteiros ou verbo dos buxas– que se chamaban, entre eles mesmos, samarúas.

“Poderosos ‘gadomos’ dos ‘samarúas’ canteiros
que sosteñen as ‘xarufas’ e antergas cidades
semellantes a barcos pantasmas na noite
ao ‘aniscar’ a ‘usca’ na ‘raula’.”
Celso Emilio Ferreiro, “Longa Noite de Pedra”

Non se trata de un grupo folk ao uso. Eles mesmos recoñecen que optaron por unha música de fusión, modernizando a tradición folklórica con outros estilos máis actuais, dando lugar a unha visión musical “costadamorteoceánica”, como ben os definiu Nonito Pereira na súa presentación do grupo.

O concerto na biblioteca Sagrada Familia será o xoves 23 de abril –coincidindo co Día Internacional do Libro– ás oito da tarde. E, como sempre, a entrada é libre ata completar a capacidade. Xa o tedes ben apuntadiño nas vosas axendas?

Xoves na Sagrada: entre Mr. Bean e Enrique Iglesias

Silencio, biblioteca! Unha frase gravada aínda en moitos dos usuarios e usuarias das bibliotecas en todo o mundo. E é certo que aínda hai bibliotecas que son templos do saber, templos de estudo, templos de silencio. Pero non é o caso das bibliotecas municipais da Coruña. E mesmo así –inda que cada vez menos– segue estrañando a moitos a celebración de concertos nunha biblioteca pública.

Se as bibliotecas coruñesas teñen que asemellarse á forza a un templo, máis que o templo de silencio retratado no popular sketch bibliotecario de Mr. Bean, optamos polo templo retratado no polémico vídeoclip de Enrique Iglesias… con evidentes e marcados matices, por suposto.

Tamén a imaxe do libro e da literatura está ligado ás bibliotecas. As coruñesas non son unha excepción nisto, claro. Pero nun mundo onde o dixital cobra cada vez máis forza, necesariamente o modelo bibliotecario ha de ir mudando e adaptándose, tendo en conta que o soporte literario está variando e que nas bibliotecas teñen cabida outros elementos multimedia como a música. Non é algo novo, porque música e literatura estiveron sempre ligados, xa desde os xograres onde poesía e música era un só elemento.

tres-peixes

Concerto de Os Tres Peixes (Xabier Díaz e Guillerme Fernández) nos Xoves na Sagrada

Por iso resulta algo natural e necesario que as bibliotecas presten a súa atención, o seu espazo, o seu tempo, á música. E o mesmo que se organizan encontros con autores, para que os lectores poidan ter un contacto coa literatura viva, é consecuente que se organicen concertos –adaptados aos espazos bibliotecarios– para que os usuarios da biblioteca tamén teñan contacto coa música en vivo. Se levan un libro de Manuel Rivas e lles gusta vir a un encontro con Manuel Rivas, por que non van levar o disco da banda de Cedeira Los Eternos e vir a un concerto de Los Eternos?

Hai pouco precisamente o blog Biblioideas, da Universidade de Zaragoza, publicaba un artigo moi interesante sobre a mutua inspiración de música e escritura, titulado Los libros se pueden aprovechar para hacer canciones, que vos recomendamos que leades.

Na biblioteca da Sagrada Familia hai tempo que temos isto claro. “Os Xoves na Sagrada”, os concertos de música entre libros, son a manifestación máis clara desta vontade. Para os que aquí traballamos, para os nosos usuarios e usuarias, e para os músicos que nos visitan, é algo moi especial. Cando contactamos con algún músico, ou algún grupo, para invitalos vir actuar á biblioteca da Sagrada Familia, sempre contamos cunha resposta ilusionada. Porque todos e todas entenden a vinculación da música cos libros. E tamén porque é unha forma de achegar o seu traballo a un público ao que quizais non chegaría doutro xeito.

Así que este 23 de abril –Día do Libro, que mellor data!– iniciamos a nosa sexta temporada de “Os Xoves na Sagrada”. Desde aquel 4 de marzo de 2010, foron xa 45 concertos e unha chea de novos amigos e amigas no mundo da música, que lembran á biblioteca e aos seus usuarios cun cariño especial.

Seguiremos programando este ano tendo en conta un amplo abano de gustos e tendencias. E por vez primeira organizaremos unha sesión para os máis cativos, como unha especie de “xovesiños”, con Magín Blanco e o seu espectáculo “Libros en-cantados”.

A apertura do ciclo correrá a cargo de Samarúas, unha formación coruñesa de folk cun estilo ben persoal. Xente nova pero con calidade xa ben contrastada. E o cerre corresponderalle a Lonely Coaster, unha banda de rock, tamén coruñesa, cunha traxectoria ben exitosa. Non acabará aquí esta temporada porque o ciclo reanúdase no outono.

Pero da “chicha” de cada un destes concertos xa vos iremos falando aquí polo miúdo. Non vos queda outra que estar ben atentos a Bibliosons, porque puntualmente aquí iremos dando conta de cada un dos grupos que van pasar pola biblioteca. Unha biblioteca, a da Sagrada Familia, xa vos quedou claro, que non é esa especie de templo solemne de Mr. Bean pero tampouco –non nos pasemos– esoutro templo espazo da algueirada de Enrique Iglesias.

Lista Reprodución Forum: música para o mes de abril

Xa estamos metidos de cheo na primavera, os días son máis longos e o sol estes días tamén nos acompaña, asi que todos son indicios para saír da casa, escoitar boa música e desfrutar dos festivais que veñen. Xa, xa sabemos que no inverno tamén os hai e cada vez máis pero nesa época parece que non estamos aínda en materia e cústanos un chisco máis. Agora non hai escusas, os festivais son unha ocasión estupenda para  poder ver aos teus grupos favoritos en directo, desfrutar da compaña dos amigos e en ocasións son unha invitación a viaxar a outros pobos e cidades para facer tamén algo de turismo.

Para a elaboración da Lista de Reprodución do mes de Abril tivemos moi en conta todos estes ingredientes. Fixemos recopilación dos concertos que veñen e de música que invite a desfrutar do bo tempo e quedounos un resultado que coido que merece a pena botarlle unha escoita .

 A malagueña Anni B Sweet será unha das artistas que non parará de estar enriba dos escenarios esta temporada presentando o seu terceiro álbum Chasing Illusions. Traballo co que segundo a propia artista indica, dá un xiro,

Para mín foi un cambio xeral, personal e musicalmente falando… O resultado é un disco con máis ritmo, xogo de sintetizadores luminosos, eléctricas con efectos e melodías con máis forza

Tamén se achega moito máis ao pop que discos anteriores, e ten unha mestura de sons dos 80’s, con composicións e melodías 60`s e toques de cor dos 70`s.

 

Ocasións haberá para ver a artistas para todos os gustos e estilos coma Marlango, aos sempre divertidos e bailables Delorean. Joe Crepúsculo presentará o seu sétimo traballo Nuevos Misterios que verá a luz este mes de abril. Os vigueses Siniestro total tamén estarán moi en activo.

 Pero sen dúbida, un dos platos fortes dos que poderemos desfrutar este ano enriba dos escenarios do país é do grupo The National, banda estadounidense de indie rock formada en Cincinnati, Ohio no ano 1999. Poucos eloxios lle faltan por sumar á lista a esta banda que, con 6 discos ás costas,  ten sido comparada con Joy DivisionLeonard Cohen ou Wilco. Poderemos velos no SOS 4.8 2015 e no recentemente creado Lapso Music Experience que terá lugar o próximo 30 de abril na Praza da Quintana de Santiago.

 Aquí vos deixamos a Lista de Reprodución completa, e non esquezades consultar o noso catálago para poder levar os discos en préstamo.

 Aid – Rapoemas, Afrocubism  Afrocubism, Animal Collective –Feels, Anni B Sweet – Ridiculous Games, Arcade Fire – Funeral, Arizona Baby – Secret Fires, Calamaro Querido! –Cantando al salmón, Cooper – Retrovisor, Delorean – Ayrton Senna, Glasvegas – Glasvegas, Joe Crepúsculo – Chill out, L. A.   Heavenly Hell, Linkin Park – A thousand suns, Bruno Mars – Unorthodox Yukebox, Marlango – El Porvenir, My morning Jacket – Circuital, The National – Trouble Will Find Me, New Order – Singles , Niño y Pistola – There’s a man with a gun over there, Novedades Carminha – “Juventud infinita”, O’Funkillo – No te cabe na’, Rosendo – A veces, Siniestro Total – Trabajar para el enemigo, Los Suaves – Maldita sea mi suerte, Los toreros muertos – Los toreros muertos, The XX  – Coexist