Lista Reprodución Fórum: Outono a ritmo de música galega

Coma quen non quere a cousa pero expremendoo ao máximo pasou xa o verán, chegan as chuvias, a caída da folla e comezana refrescar os días. Estamos no outono, época para moitos de cambios e novos propósitos pero época tamén nostálxica coa que na Lista de Reprodución de Fórum volvemos á carga, desta volta facémola con música galega. Os seguidores do blog poden dar boa conta que dende Bibliosons apoiamos e visibilizamos a música e os artistas da terra. Con esa mesma idea creamos físicamente na Biblioteca Fórum unha sección de música en galego onde poderedes atopar cedés tanto de artistas galegos coma de que aqueles que cantan en galego. A lista podería ser longa pero coma sempre facemos escolla de 20 traballos que xa tedes listos para poder levar en préstamo.

Comezamos cos composteláns Novedades Carminha e o seu disco “Juventud infinita” onde podemos desfrutar da súa esencia garaxeira, toques descarados e canallas nas letras e temas moi pegadizos. O vídeo do single que leva o mesmo nome do disco foi estrenado por un medio tan importante como El País. Novedades segue estando de plena actualidade co seu hit “Mucho nivel”. Nós  abrimos boca con “Quiero verte bailar”.

Sen marchar de Compostela aproveitamos para facernos eco de Fredi Leis, intérprete, músico e compositor que desde pequeno empeza a tocar o piano de maneira autodidacta. Fredi Leis postúlase como unha das promesas da canción de autor renovada. Dáse a coñecer en Souncloud conseguindo centos de miles de escoitas e percorre salas e teatros do circuíto nacional de cantautores. Xa está dispoñible o single “Nivel experta” do que será o seu próximo disco que verá a luz no 2021. Namentras quedamos con “Mariposas” do seu traballo Neón.

Seguimos cunha das grandes revelacións da música galega e española dos últimos tempos, a ourensá Marem Landson. Filla de nai galega e o famoso baloncestista Willie Ladson.Tras debutar na primavera de 2018, cun primeiro álbum homónimo que cultivou críticas entusiastas, Marem, participou nunha infinidade de festivais ( FIB, Vida, Noroeste, Sinsal, Ribeira Sacra, Ewan Fest…). Un primeiro disco gravado con tan só 19 anos e composto por once cancións que se pasean polo pop, o rock e o folk. Landson ten influencias clásicas pero un son contemporáneo ao que acompaña de moita personalidade.

E con mulleres continuamos, concretamente co cuarteto de indie-rock  do Barbanza Agoraphobia. A banda nace no ano 2006, coma un cuarteto de amigas de instituto que compartían o gusto pola música punk e as ganas de facer as súas propias cancións. As Agoraphobia recén acaban de tocar no Festival da Luz. Na lista rescatamos o seu traballo “Incoming Noise”, un disco contemporáneo no que podemos desfrutar de dez cancións nas que conflúen distintas tendencias pero cun marcado carácter rock.

Neste outono musical a ritmo de música galega podes desfrutar ademáis de artistas tan dispares coma Davide Salvado, Los Suaves, Narf, os rapoemas da viguesa Aíd, o gran Iván Ferreiro, voltar ao sempre rememorable Deluxe co seu “Los jóvenes mueren antes de tiempo”, etc. E por suposto non queriamos deixar pasar a ocasión para render a nosa pequena homenaxe a gran Ana Kiro cando se acaban de cumprir, o pasado 24 de setembro, 20 anos do seu pasamento.

Coma sempre aquí vos deixamos a lista ao completo para que a escoitedes con ansia e ganas de bailar na nosa canle de spotify. Podedes consultar a súa dispoñibilidade no catálogo e vir a recollelos á Biblioteca, agardámosvos!!

Lista Reprodución Fórum: Outono a ritmo de música galega

Ana Kiro – Toda unha vida,  Jane Joyd – Shy Little Jane Presents, Marem Ladson – Marem Landson, Alba María –  Aínda, Tanxugueiras – Tanxugueiras, Iván Ferreiro – Casa, Cepeda –  Nuestros Principios , Fredi Leis – Neón, Novedades Carminha – Juventud Infinita, Miriam Rodríguez – Cicatrices, Agoraphobia  – Incoming Noise, Hard GZ, Tee Amara – Versus,  Davide Salvado – Lobos, Deluxe – Los Jóvenes Mueren antes de Tiempo, Los Suaves – Maldita sea mi suerte, Budiño – Fulgor, Narf – Nas Tardes Escuras, Aíd – Rapoemas, Luz Casal – La pasión, Xabier Díaz – Noró

Música galega en feminino

O pasado sábado 24 de outubro o Teatro Principal de Santiago de Compostela foi un dos escenarios que acolleu os actos de homenaxe á escritora Begoña Caamaño logo de cumprirse o primeiro ano do seu pasamento.Begoñísima-outubro-2015

O acto no Teatro Principal congregou a ducias de artistas e achegados da escritora. Unha trintena de artistas fixeron memoria con música e creacións videográficas con Begoña sempre como protagonista.

Uxía, Mercedes Peón, Alba María, Habelas Hainas e De Vacas non faltaron á cita. Dende Bibliosons facémonos eco da homenaxe e aproveitamos para facer a nosa particular recomendación musical porque ademáis do merecido recoñecemento á escritora o acto serviu tamén para deixar constancia do bo momento que atravesan as voces femininas no panorama musical galego.

Nomes coma os de Uxía  ou Mercedes Peón son de sobras coñecidos por todos, e de Alba María xa temos falado aquí noutras ocasións. A quen queremos resaltar desta volta é á formación De Vacas, o proxecto musical de Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero, ó que decidiron incorporar a Guillerme Fernández porque é un referente a nivel musical, e ademais amigo seu. Déronse a coñecer a través de internet cunha sorprendente versión do Gangnam Style, de Psy. O grupo transforma música disco en pezas vocais que cantan en galego e aportan sen dúbida un alento fresco e divertido ao panorama nacional, tan necesario nos tempos que corren.

Habelas Hainas pola súa banda, é un grupo folk composto por catro rapazas, Arantza Alfaia (tamboril, bombo, darbuka, caixón flamenco), Jara Ortiz (voz, bombo, pandeireta, crótalos árabes), Patricia Gamallo (gaita, saxo alto, pandeiro), Sandra Tamayo (acordeón, gaita, pandeiro). Comezaron a súa andaina no 2009 cunha versatilidade que as leva a a explorar outros eidos artísticos como a teatralidade e as artes plásticas e visuais facendo de cada espectáculo algo diferente e senlleiro pero o punto de partida é a música tradicional e de raíz.

Ámbalas dúas formacións merecen moito a pena, así que se tedes ocasión de velas en directo non a desaproveitedes e non o decimos somentes nós, Uxía fai unha crítica das novas voces de mulleres na música galega onde fala ademáis destas, doutros nomes que están dando moito que falar coma as Agoraphobia, Mónica Denut ou Wöyza.

“The Tambourine Man”, o novo agardado disco de Xabier Díaz

A Coruña está de estrea, Xabier Díaz presenta o seu novo disco, ‘The Tambourine Man’. O título é toda unha homenaxe o célebre tema de Bob Dylan. A cita é o venres 16 de outubro e  terá lugar xunto coas Adufeiras de Salitre –11 percusionistas e cantoras de música tradicional– ás 20,30 horas no Teatro Rosalía de Castro.

Será unha cita moi especial posto que se trata da cidade natal do músico e onde xabier diazvive toda a súa familia. A presentación chegará tamén a Vigo (15 de novembro), Madrid (4 de decembro) e Barcelona (5 de decembro), entre outras prazas porque as miras son tamén de proxectarse no exterior e ogallá que así sexa.

The Tambourine Man é o último traballo do grande da música galega Xabier Díaz xunto ao grupo de percusionistas As Adufeiras de Salitre. As Adufeiras son  ex antigas alumnas súas cando Xabier era profesor de adufe e pandeiro cadrado, e aínda que nun comezo só ían participar nalgúns temas forman parte indusutible do disco aportando enerxía e moita luz.

Despois de 8 anos participando en proxectos colectivos (BerrogüettoaCadacanto, Luar na Lubre, Amancio Prada, Os Cempés, Marful, Nordestinas, Kepa Junquera, Uxía, Xosé Manuel Budiño… Xabier, volve en solitario e publica un disco no que volta á raíz, no que recupera  tradición recente dos últimos 50 anos e volvea transmitir de xeito humilde e brillante.

É un disco que afonda no noso propio ADN segundo explica o propio Diaz. Inclúe 11 temas tradicionais galegos e un castelán cun marcado enfoque vangardista.

O disco baséase nas recolleitas que Xabier foi desenvolvendo como investigador e compilador da música tradicional. A voz, mais tamén a percusión conforman a base e a estrutura do disco que, despois, se reviste con outros instrumentos da contorna da música galega.

Unha cita para non perder que dende Bibliosons recomendamos, así como a consulta e préstamo dos seus anteriores traballos dos que xa dispoñemos nas Bibliotecas Municipais.

 

 

Aturuxos na Cidade do Vento

As festas de María Pita están a tinguir de músicas do mundo a cidade da Coruña. Non podemos esquecer as melodías de raíz, auténticas bandas sonoras das nosas vidas durante xeracións.

O mes pasado abriu a tempada de concertos de música galega a Asociación Cultural Donaire continuada por grupos como a Agrupación folclórica Aturuxo. Onte rematou o Festival Internacional de Folclore organizado e creado pola Asociación coros e danzas Eidos, onde este ano puidemos desfrutar de músicas e danzas de moitas partes do mundo (Exipto, Sudáfrica, Costa Rica e Rusia).

Se non queredes perder os vindeiros espectáculos de Música Tradicional Galega, anotade estes nas vosas axendas, xa que gaitas, pandeiras, bombos e tamborís ”bailarán” o enxebre son de muiñeiras, xotas, alalás, pandeiradas, maneos e foliadas en varios recunchos da cidade:

– 11 de agosto ás 20.00h. no Parque de Sta. Margarida: A Asociación Folclórica Sociocultural Cantares Galegos vólvenos agasallar coas súas cancións dentro do programa Música no Parque.

– 12 de agosto ás 20.00h. no Parque de Sta. MargaridaO Coro Galego Cántigas da Terra compartirá escenario co Coro Casa Galicia de New York para nos achegar dous xeitos de sentir a música galega.

– 17 de agosto ás 22.30h. na Praza de María Pita: un ano máis, a Asociación Cultural Xacarandaina encherá a praza do Concello ao ritmo de cantos e danzas tradicionais cheas de cor e movemento.

– 19 de agosto ás 20.00h. no Parque de Sta. Margarida: O Coro Aires de Bergantiños compartirá con todos nós o seu amplo repertorio para divulgar unha parte do folclore galego que tanto lles apaixona.

Coro Aires de Bergantiños

– 20 de agosto ás 20.30h. nos Xardíns de Méndez NúñezGrupo de música e danza tradicional “Alxibeira” amosaranos bailes e cantigas de aldeas de Lugo, Pontevedra e A Coruña.

Grupo Alxibeira

– E, o 24 de agosto ás 21.00h. nos Xardíns de Méndez Núñez, o case centenario Coro Galego Cántigas da Terra, historia viva da Coruña, fechará coa súa actuación  o programa de Festas de María Pita.

Pero tamén contaremos con músicas tradicionais doutras partes do estado español incluídas no XVIII Certame de Casas Rexionais:

– 16 de agosto ás 20.30h. contaremos con músicas e danzas de Aragón.

– 17 de agosto ás 13.30h. e ás 19.30h. poderemos ver os grupos de baile Soniquete da Casa de Andalucía e o Alto del Guadalquivir” de Córdoba.

– 24 de agosto ás 13.00h. e ás 19.00h. estarán a Asociación Folclórica Cristo de la Veracruz e o Grupo Folclórico “Magisterio” de Albacete, dentro do día de Castela A Mancha.

Convidámosvos a coñecer o fondo das Bibliotecas Municipais da Coruña de música galega que está dispoñible no noso Catálogo.

Presentación da Orquestra de Música Tradicional Galega

Mañá sábado 24 de maio a partir das 19:30 horas, no Forum Metropolitano, terá lugar a presentación da Orquestra de Música Tradicional Galega (OMTG) da Escola Municipal de Música de A Coruña.

orquestra

 

Un evento que terá como artistas invitados:

  •  MANOELE DE FELISA (cantautor)
  • MARCEL CHIRILOV & MARCOS REPRESAS (dúo clarinetes) “Eu quero sossego” (fado). Arreglos: Marcel Chirilov
  • SAPOCONCHO GALEGO (cantautor) “Estraña forma de vida”, “Lágrima” e “Carmiña Carmela & O Arrierio”.
  • GRUPO MAGHÚA (pandereteiros)
  • PULPINHO VIASCÓN (serrucho y piano) “Os Teus Ollos”
  • ORQUESTA DE MÚSICA TRADICIONAL GALLEGA DE LA ESCUELA MUNICIPAL DE MÚSICA DE A CORUÑA

A ORQUESTRA DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA (OMTG) é unha proposta do profesorado da Escola Municipal de Música de A Coruña como nova agrupación do centro para o curso 2013-2014. A diferenza esencial a respecto doutras agrupacións existentes na escola é que a OMTG se crea como un “taller” aberto tanto para alumnado interno como externo á propia escola.

A recén creada OMTG comprende unha base de músicos afeccionados e un conxunto de repertorio que ás veces soa máis clásico e ás veces máis moderno; con pequenas seccións de cordas e de metais, de gaitas, percusión tradicional e moderna, piano, acordeóns, contrabaixo, etc. Esta base, unida á magnífica resposta por parte de músicos profesionais para unirse e colaborar, permitiu que, en poucos meses desde a súa creación, a OMTG se presente por vez primeira ante o público.

Así que se tedes a oportunidade non deixedes de asistir ao evento, xa que en palabras do músico Eduardo “Dubi” Méndez Baamonde

 Non sabemos nen tan sequera se a agrupación chegará a consolidarse como tal nun futuro. Dependerá de varios factores: da resposta do alumnado e do público, do apoio institucional e do propio centro, e sobre todo do ánimo do profesorado para levalo a cabo, porque implica moitísimas horas de traballo non remunerado.
Tamén o de que cumpra o seu obxectivo fundacional: o de socializar a música tradicional na cidade. Para iso estará sempre aberta a calquera iniciativa ou proposta de diálogo e colaboración con outras Escolas, Asociacións, Institucións. As aportacións serán mutuas.

 

Dende aquí desexamoslle toda a sorte que se merecen nesta nova andaina.

Música e poesía nas letras galegas, #m8nospresta!

O outro lado da música, a poesía, denominou un libro seu a poeta e música coruñesa Luísa Villalta. Das relacións fecundas que se dan entre ambas, música e poesía, queremos falar nesta ocasión, centrándonos no ámbito galego como maneira de celebrar desde Bibliosons o Día das Letras Galegas 2014.

thCAFN0CZ9 Libro poemas disco de Najla Shami "A lingua que eu falo"

Moitos poderían ser os percorridos propostos neste artigo. O noso vai ser subxectivo e estará tamizado polas querencias persoais e os gustos propios. Agardamos que vos resulte de interese e sexa do voso agrado.

Comezamos pola  época de maior esplendor e normalidade que viviu a nosa lingua, a baixa idade media, da que é mostra senlleira o tesouro patrimonial que constitúen as cantigas medievais galego-portuguesas. O riquísimo corpus literario das cantigas de amigo, de amor e de escarnho e maldizer, das que temos constancia a través dos Cancioneiros, xorde e alicérzase en relación á existencia dun territorio preeminente nos planos económico e político nesa altura, o Reino de Galicia. Lembremos que neses séculos o galego era a lingua de expresión e de creación tanto de reis propios -que se nos transmiten sempre como de León ou Asturias- como mesmo dos alleos -casteláns como Afonso X o Sabio, que tiña a súa Corte en Toledo-.

Interésanos resaltar, neste artigo, o feito de as cantigas seren composicións creadas para a súa transmisión musicada e cantada, e nas que por tanto música e poesía se vinculaban xa desde a súa propia orixe. Á marxe das formacións clásicas que, como o Grupo de Música Antiga Martín Códax,  traballan de forma específica co repertorio medieval galego-portugués, un dos autores de referencia na súa popularización foi sen dúbida Amancio Prada, con discos coma o fermosísimo Lelia Doura (1980). O berciano, polo demais, é autor fulcral para a difusión da poesía galega polo seu traballo arredor da obra de dúas das nosas grandes figuras, Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro.  

 

As décadas dos 60 e 70 coñeceron do espertar pop en galego, con voces como Andrés Dobarro, Pucho Boedo & Los Tamara ou Juan Pardo. Ao tempo, desde unha perspectiva de fondo compromiso social, nucleouse  Voces Ceibes como un grupo de cantantes e artistas que, para alén de situaren Galicia no mapa musical da oposición ao franquismo, musicaron e divulgaron letras de diferentes voces poéticas da nosa literatura. Outrotanto farían, xa case entrando nos 80, Fuxan Os Ventos, grupo popularísimo que mesturaba sons tradicionais e letras de contido social para dar conta da situación que vivía o país na Transición.

A poesía galega estivo moi presente en todos eles, e moi especialmente aquela que engarzaba nos contidos cunha época convulsa como a que se vivía, no político e no social, famenta de liberdades e de dereitos. Poetas como Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Manuel María ou Curros Enríquez foron, por iso, dos máis musicados neses anos.

 

 

Fixemos anteriormente referencia a Amancio Prada. O seu traballo acabou por ser tan influínte que hoxe resulta mesmo complicado ler Rosalía de Castro ou Cunqueiro sen que a súa adaptación musical dos textos de ambos nos veña á cabeza. Con el, outras dúas voces foron decisivas no diálogo musical coa poesía galega nos anos 70 e 80: Luís Emilio Batallán e Suso Vaamonde. O primeiro cun traballo que segue a resultar hoxe de excepcional calidade, Ahí vén o maio (1975), no que musica textos de Curros Enríquez, Cabanillas, Rosalía ou Celso Emilio Ferreiro. O segundo con discos como ..Nin rosmar un laído (1977), adoptados moi claramente como emblemas de loita cultural na defensa da identidade galega.

 

 

Poeta era, e é, Antón Reixa, a voz do grupo máis relevante da Galicia dos 80: Os Resentidos. A súa estética e o seu discurso provocador, absolutamente identificable, rachou fronteiras para o pop en galego e conseguiu algúns dos seus maiores éxitos. Os Resentidos explícanse e son inseparables do contexto cultural vigués de comezos dos 80, con grupos poéticos como Rompente, do que Reixa formaba parte.

thCADG9XC9   thCAMK6DRUthCAXDLLTQ

Nas décadas dos 80 e 90 sacan algúns dos seus mellores discos artistas como Emilio Cao, Luar na Lubre, Berrogüetto ou Uxía. O primeiro atrévese cun reto de dificultade notable: levar á música a poesía vangardista de Manoel Antonio. Para Emilio Cao fará letras un dos nosos autores máis recoñecidos, Suso de Toro, en tanto Manuel Rivas traballará con Berrogüetto no fermoso Alalá da noite. Uxía, pola súa banda, con especial querencia pola poesía e a relación coa creación lusófona, gravará unha das máis coñecidas cancións da nosa tradición, Unha noite na eira do trigo, modificada a partir dun poema de Curros Enríquez.

 

 

Coa chegada do novo milenio unha nova etapa especialmente vizosa cobra protagonismo na música galega, a que protagonizan artistas como Ugia Pedreira (Marful, Nordestinas), Guadi Galego (en solitario ou con Espido), Xabier Díaz (en solitario, con aCadacanto e noutros formatos) ou Fran Pérez, Narf. Moitos deles, para alén de musicar textos de autores galegos de onte e hoxe son tamén creadores de letras dunha alta calidade poética. Conceptualizada en ocasións como MPG, música popular galega, os seus discos marcan a actualidade máis interesante da nosa creatividade musical.

 

 

Polo lado do rock tamén a presenza da poesía galega é notoria, tanto no bravú que cohesionou aos grupos dos 90 como, na actualidade, na creación de artistas e bandas como Fanny & Alexander (que musicou a Pilar Pallarés, María Lado, Estíbaliz Espinosa e outras poetas actuais), Ataque Escampe (do que forman parte dos escritores Samuel Solleiro e Roi Vidal), Sés ou Das Kapital (con letras do poeta Daniel Salgado). A eles poderíamos sumarlles os textos das bandas de hip-hop como Malandrómeda, Fluzo ou Dios Ke Te Crew.

 

 

Rematamos este extenso artigo cunha promesa: dedicarmos outro á figura de Rosalía de Castro e a como foi levada á música a súa poesía. Amancio Prada, Uxía, Narf, Aíd, Luís Emilio Batallán, Najla Shami, aCadacanto e moitos outros grupos e artistas teñen escollido a nosa poeta nacional. Ela é, sen dúbida, a nosa escritora máis musicada, e de moi diversas maneiras. Mais este xa será tema para desenvolver noutro momento…

O tren que me leva, homenaxe a Andrés do Barro, precursor do pop-rock galego

Este xoves ás 19.00 no Paraninfo do Rectorado da Universidade da Coruña convídannos  a unha viaxe pola vida e obra de Andrés Dobarro, un dos principais impulsores do idioma galego no eido musical. O acto contará coa presenza de Anxo Fernández, director do documental “O tren que me leva”, gravado en 2004 e no que participan, entre outros, Nonito Pereira, Xose Luís Blanco Campaña, Xoán Rubia, Manuel Torreiglesias, Pepe Domingo Castaño e Joaquin Luqui.

O tren que me leva, homenaxe a Andres do Barro

Tamén intervirá na xornada outro dos protagonistas do filme, o escritor Xavier Alcalá, que ademais é quen fose letrista do cantautor xunto con Xosé Manuel Silva Rodríguez. O acto contará coa actuación musical de Xurxo Souto e Brais Maceiras e os asistentes poderán levar unha novela de Xavier Alcalá.

Andrés do Barro, é un dos primeiros cantantes que utilizou a nosa lingua durante a dictadura franquista, e nel podemos atopar a xénesis do pop en Galicia, e convertido hoxe nunha icona pop, e definido por Xavier Alcalá coma un “neotrovador do século XX”, e primeiro en “colar” en primeira posición un tema en galego na lista dos éxitos do estado con O Tren.

No 2007 publicase o Manifesto Dobarrista, un Disco Tributo a Andrés do Barro” (Falcatruada, 2007), no que interveñen ata trinta grupos da escea indie galega actual, destacando a The Homens, Los Iribarnes, Quant, Niño y Pistola, Safari Orquestra, Fanny + Alexander y Todo el Largo Verano. E estreouse o documental sobre a súa vida “O Tren que me Leva” (2008) producido e dirixido por Anxo Fernández.

Manifesto Dobarrista

Manifesto Dobarrista

Na Biblioteca de Estudos Locais conservamos a partitura de Corpiño Xeitoso que podedes consultar in situ

Partitura Corpiño Xeitoso

Partitura Corpiño Xeitoso

Partitura de Andres do Barro do tema

Partitura de Andres do Barro do tema “Corpiño Xeitoso”

E ademais nas nosas bibliotecas podedes atopar:

  • Manifesto Dobarrista [Grabación sonora] : un disco tributo a Andrés do Barro. — [A Coruña] : Falcatruada, D.L. 2007
  • Andrés do Barro [Grabación sonora] : todas sus grabaciones en RCA: (1969-1972). — Madrid : Rama Lama Music, D.L. 2003
  • Tres [Grabación sonora] / The Homens. — [S.l.] : Falcatruada, D.L. 2007
  • Cuarta potencia [Grabación sonora] / The Homens ; producido por Santi García. — Santiago de Compostela : Lixo Urbano, 2009

Lista de Reproducción Forum Maio 2014: un repaso pola historia da música

Aproveitando que na Biblioteca do Forum Metropolitano temos ata o mes de xuño unha mostra bibliográfica sobre historia “El pasado es futuro”, na Lista de Reproducción de maio como non podia ser menos facemos tamén un repaso pola historia da música.

Temos que falar pois do canto gregoriano que se formou a partir de estilos moi heteroxéneos, de procedencia principalmente oriental, sobre todo de Bizancio e Siria, durante a época que seguiu á caída do Imperio Romano. A intención do canto gregoriano non era artística, senón tan só relixiosa. ennobrecer a palabra de Deus, polo que se prescindía de instrumentos musicais; a música sacra tiña que ser simple para que puidese ser cantada por todos, fluída para non estorbar o texto, e sobria para non desmerecer a súa función. Das cantigas de amor galego-portuguesas que xorden por imitación da poesía trobadoresca provenzal dos séculos XII e XIV, mais contan con adaptacións ao contexto galego-portugués e mais á época en que foron escritas

O barroco, un estilo da música occidental relacionado coa época cultural homónima en Europa. Adóitase delimitalo cronoloxicamente entre a estrea da ópera de Claudio Monteverdi L’Orfeo (que foi a primeira ópera do compositor italiano e unha das primeiras obras catalogadas como tal) a principios do século XVII e a morte de Johann Sebastian Bach. É aí cando comeza o chamado clasicismo e remata en 1827 aproximadamente (morte de Beethoven). A música clásica propiamente dita coincide coa época chamada neoclasicismo (que noutras artes consiste no redescubrimento e copia dos clásicos da arte grecorromana, que era considerada tradicional ou ideal: clásica). Na música non existiu un clasicismo orixinal (xa que non quedara escrita ningunha da música da época grega ou romana).

E ainda que a Copla, xorde en España no século XVIII como reacción ao predominio da moda francesa no teatro e á italiana na música, ainda na actualidade hai quen as canta como é o caso do barcelonés  Miguel Poveda.

Na selección non nos esquecemos tampouco da canción galega, aqueles poemas escritos por Rosalía de Castro no século XIX, época na que non resultaba nada doado escribir en galego, e que despois serían cantados por músicos como Xoán Montes. Asi como do folclore galego, perfectamente representado polo Grupo Milladoiro considerado como o máis internacional dos grupos galegos e un dos máis importantes investigadores de novas sonoridades para o folk galego.

Máis actual é o reggae  un xérnero musical que se desenrolou por primeira vez en Jamaica cara mediados dos anos 60. Época na que podemos situar a Leonar Cohen, definido polo crítico Bruce Eder como “un dos cantantes e compositores máis fascinantes e enigmáticos de finais dos 60”. E tamén o nacemento do mítico grupo español “Los brincos” que naceron a instancias da discográfica española Zafiro, que tratou de repetir en España o éxito das bandas do beat británico.

Posteriores son o grupo de rock británico Supertramp, a gañadora entre outros premios, do Grammy Latino ao mellor álbum vogal pop feminino, nas edición de 2002 e 2044 polos seus traballos “Muchas flores” e “De mil colores” respectivamente Rosario Flores e o coñecidísimo disc jockey de música electrónica e productor discográfico francés, especializado en son house e dance, David Guetta.

Aquí vos deixamos a Lista de Reproducción completa para que desfrutedes escoitando o noso particular repaso pola historia da música:

Bach – Conciertos, Los Brincos – Reserva especial, A canción galega, Canto gregoriano – Magnificat II, Celia Cruz – Siempre viviré, Chopin – Estudios y baladas, David Guetta – Nothing but the beat, Elvis Costello – North, El gran barroco de Bolivia, Gregory Isaacs – The reggae masters, Gustav Mahler – Symphonie No. 9, Katheen Batle – Spirituals in concert, Leonard Cohen – I´m your man, Luisa Fernanda – Moreno Torroba, Lo mejor del canto gregoriano, Miguel Poveda – Coplas del querer, Milladoiro – Iacobus Magnus, Paulina Ceremuzynska – Cantigas de amor e de amigo, Psalterium – Todo quanto yo serví, Rosario – Siento, Schubert – Impronptus, Speak Low – Songs by Kurt Weill, Supertramp – Paris, Tony Bennett – The classics, Wolgang Amadeus Mozart – Symphonien 40

E lembra que se queres levar en préstamo para a casa algún destes discos ou outros traballos destas mulleres coraxe, consulta a dispoñibilidade dos materiais no Catálogo de Bibliotecas Municipais.

Mulleres coraxe: oito músicas para o 8 de marzo

Dentro da programación especial que as Bibliotecas Municipais de A Coruña dedicamos este ano ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller,  no noso blog musical quixemos celebrar de forma específica esta data de relevancia. Non é efeméride calquera.
 
O 8 de marzo de 1917, na Rusia zarista, comezou un paro masivo das mulleres de San Petersburgo a solicitaren pan, dignidade e a volta das tropas rusas da cruenta guerra na que morreran xa máis dun millón de compatriotas. A aquelas mulleres decididas uníronse ao pouco traballadores e estudantes, dando lugar a mobilizacións masivas que fixeron caer o Zar días despois e que deron paso a un goberno provisional, derrocado finalmente na toma do Palacio de Inverno, no mes de outubro. A data é simbólica e referencia estes feitos, mais é claro que a loita das mulleres pola fin da discriminación de xénero nacera xa antes. O importante, para nós, é que estivo ligada sempre á fin de todas as dominacións. Como cantaran as traballadoras téxtis de Massachussets, “queremos compartir toda a beleza: pan e rosas, pan e rosas“.

 

A nosa proposta neste 8 de marzo é compartirmos oito cancións, oito músicas galegas de muller, por seren mulleres as súas intérpretes. É proposta sinxela, mais fermosa. A calidade e variedade da música galega ten en artistas como as que conforman esta proposta de cancións, e noutras moitas coma elas, un dos seus principais alicerces. O inmeso potencial creativo das nosas artistas vense manifestando desde hai anos en discos, espectáculos colectivos e propostas individuais que fan que hoxe non sexa esaxerado afirmar que a música galega ten nome de muller.

Comezamos, na confianza de que vos han de gustar.

Pilocha, Nenos orfos.

O disco homónimo de 1978 e Calamidá sentimental, de 1990, son dúas xoias coas que Pilocha se configura como unha voz de especial sensibilidade e matiz na música galega. Histórica por traxectoria, aberta sempre a colaboracións e cun amplo coñecemento e amor polo jazz, atopámola tamén presente en discos diversos de moi variadas formacións.

Uxía, Alalá das Mariñas

Seguramente a voz feminina por excelencia da música galega, dos tempos do Foliada de marzo (1986) ao resumo da traxectoria propia que foi Meu canto (2013). Estivo vinculada ao folk innovador de Na Lúa nos 80 e a partir dos 90 confírmase como a grande ponte de unión da música galega coa lusofonía, tecendo redes persoais e artísticas das que se beneficia o conxunto da cultura galega.

Guadi Galego, Lévame de aquí

Primeiro con Berroguetto, despois formando alianzas fermosas de pequeno formato  (Espido, Nordestinas) e finalmente tamén en solitario, Guadi é hoxe unha voz imprescindíbel na nosa música, con presenza e referencialidade alí onde participa.

Mercedes Peón, Ajárrate

Falar de tradición e modernidade non resulta tópico cando temos diante a creación poderosa de Mercedes Peón, recoñecida mundialmente como unha das máis importantes artistas diso que se deu en chamar o circuíto da world music. Non deixa indiferente e atrévese con todo, porque ten a toma de terra firme do coñecemento da raigame profunda da nosa tradición.

Señora Carmen, Na flor dos meus anos

Resulta emocionante escoitar esta muller de máis de 80 anos, e en xeral ao conxunto das Malvela, proxecto musical fermoso por colectivo, feminino e veciñal que as irmáns Senlle artellaron en Mos. Verdade núa e talento.

Ugia Pedreira, Tris tras

A renovación da nosa escena musical e a conceptualización da música popular galega chegou rematados os 90 da man de Ugia Pedreira, primeiro con Chouteira e logo con Marful e os diferentes proxectos que foi facendo posíbeis xunto con Guadi Galego e Abe Rábade (Nordestinas), Fred Martins (Acrobata) ou os seus compañeiros da Central Folque (Ecléctica Ensemble).

Sés, Milonga de aquí

O fenómeno musical da actualidade en Galicia, club de fans xuvenil incluído. Forza, enerxía e carisma acompañados dun discurso sen pelos na lingua. Este é o seu momento, e que dure moito tempo.

Leilía, O meu amor

Formación básica na recuperación das pandereteiras e da música tradicional, teñen unha traxectoría que as fai ser o grupo de referencia nese ámbito e unha formación respetada e aplaudida dentro e fóra do noso país.

Galician Tunes, o portal da música galega no exterior

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou o novo diseño do portal web de Galician Tunes, creado no 2008 co obxectivo de ofrecerlles aos artistas, grupos, asociacións e empresas do sector unha ferramenta útil para potenciar a difusión internacional do seu traballo.

Portal da musica galega no exterior GalicianTunes
Galician Tunes, un portal trilingüe (galego, castelán e inglés) pretender ser o  acubillo da nosa música no exterior, achegando a artistas, grupos, colectivos e selos:

“aspira agora a converterse nun referente dentro da estratexia global de internacionalización da nosa música, funcionando tanto de altofalante da actualidade musical galega no exterior, como de canle para o achegamento aos nosos artistas e compañías por parte dos profesionais e públicos foráneos”. 

Como indican en Código Cero, o portal acolle un total de 137 artistas e grupos de todos os estilos, que á súa vez reúnen referencias a 230 traballos discográficos e dan acceso á reprodución en liña de 260 vídeos musicais. Ademais da información directa sobre cada unha destas bandas e solistas, as fichas redirixen ás webs promocionias, redes sociais, aplicacións de reprodución en streaming e portais de venda de música en liña que estean dispoñibles en cada caso.

Galiciantunes2012

Unha boa nova que permitirá acadar unha panorámica da música galega o máis ampla e actual posible, de xeito que o portal destaca xa na cabeceira da súa portada as principais novidades referentes á presenza da marca GalicianTunes e da música galega no exterior.