Lista Reprodución Fórum: o mellor do 2022

Coa conta atrás botada a andar para o remate do ano, nas Bibliotecas Municipais da Coruña xa están preparadas as mostras de Nadal cunha estupenda selección de fondo bibliográfico para que desfrutedes nas vosas casas ademáis da xa tradicional guía “Historias de Regalo 2022” chea de propostas das bibliotecarias e bibliotecarios para os que vos gusta agasallar cultura, porque un libro, unha película e por suposto un bo disco son o mellor dos agasallos para desfrutar con todos os sentidos.

Na Biblioteca Fórum Metropolitano tedes tamén ao voso dispor unha selección de materiais que conforman o mellor do ano 2022. Libros, cómis, películas e por suposto música. Todos foron publicados e/ou incorporados ao longo deste ano ao noso fondo pero que de seguro, entre tanta oferta moitos deles aínda non pasaron polas vosas mans. E diso mesmo vai a derradeira lista de reprodución do ano, do mellor que chegou aos nosos ouvidos este 2022.

Falamos por exemplo de Levantarse e caer, o novo traballo discográfico en solitario de Xabier Díaz. O proxecto discográfico inclúe 10 cancións que navegan entre o son tradicional galego, a música melódica e as cancións de berce. O primeiro sinxelo do disco, «Levantarse e Caer», nada máis saír á  luz converteuse inmediatamente nunha das cancións en galego máis escoitadas en todas as plataformas.

En Tinta y tiempo do uruguaio Jorge Drexler  poderedes desfrutar de dez cancións diversas que conforman un álbum reflexivo e luminoso. No disco Jorge conta con colaboracións dalgúns dos seus amigos como C. Tangana, Rubén Blades o Martín Buscaglia. Un disco para desfrutar pero do que non fiarse de todo, segundo o propio Drexler no se fíen de todo lo que van a escuchar y a sentir. Porque no es toda la verdad.

Jorge Drexler – Cinturón Blanco (Video Oficial)

Tamén chegou ás nosas mans Romances, un proxecto de Fuel Fandango que se divide en diferentes capítulos, cada un cun artista e un concepto distinto, pero todos forman parte dun romance.

Fuel Fandango: “Para nosotros ‘Romances’ ha sido el regalo de poder unirnos y compartir experiencias junto a artistas que admiramos desde hace años. Meternos en sus universos sonoros, aprender y seguir encontrando nuevos caminos en la música. Una simbiosis de universos sonoros que enriquecen nuestro mundo y lo llenan de Libertad”.

A lista coma sempre intentamos que sexa apta para todos os gustos, e segue con temas moi acaídos para o Nadal coma o Concerto de Aranjuez, unha sonata de Schumann ou Música para Navidad do proxecto Agaritmo. Aquí vola deixamos ao completo para que a escoitedes tamén na nosa canle de spotify e desexamos que o fagades ao ritmo dos mellores desexos para este ano 2023 que está a piques de comezar.

Joaquín Rodrigo – Concierto de Aranjuez, Carl Orff – Carmina Burana, Fredi Lesi – Temas privados, Harry Styles – Harry´s House, Schumann – Sonata en la menor para violín  y piano, Diana Ross & The Supremes – Baby Love the essential, Corelli – Concerti Grossi núms. 2,5,8 y 8, Mozart – Pequeña música nocturna, Nicolò Paganini – Violin concertos Nos. 1 & 2, Agaritmo – Proyecto vocal a cappella, Pergolesi – Caldara, Fuel Fandango – Romances, The Arcade Fire – We, Beyoncé – Renaissance, Xabier Díaz – Levantarse e caer, Harry Styles – Harry Styles, Rosalía – Motomami, Sidecars – Trece, Jorge Drexler – Tinta y tiempo, Agaritmo – Música para Navidad.

Conversa con Grande Amore polo AgoraSón 2022

Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2022, con Grande Amore en concerto. E dende Bibliosons falamos con él.

Moi bo día, Nuno!!

Aínda a sabendas de que estás ata os topes de traballo, aproveitando o teu paso polo AgoraSón 2022, dende Bibliosons, o blog de música das Bibliotecas Municipais da Coruña, non podiamos desaproveitar a ocasión de falar un anaquiño contigo.

B. Antes de nada os nosos parabéns polo recente premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica. Que significa para ti ese recoñecemento?

Obviamente, é unha honra moi grande para min e faime sentir moi realizado en tanto que músico. Tamén teño que dicir, para non faltarlle á verdade, que polo que máis ilusión me fai este premio é polo moito que se alegrou miña nai cando mo deron. Dígoo totalmente en serio. Eu sempre fun así moi… non sei como dicilo, moi desapegado de todo o que ten que ver cos premios. Agradézoos moito, claro, pero vexo que moita xente do meu entorno lles dá moita máis importancia. E, xa digo, en concreto, miña nai. Para unha alegría que lle podo dar co meu traballo, benvida sexa.

B. Este verán non paraches, de feito hai quen dixo por aí que quen non oíu falar de Grande Amore é que non está na onda dos festivais. Supoño que influíu moito esta nova volta á realidade post pandemia e había ganas por parte do público, e por parte dos artistas… Como o viviches ti? Contabas con esta apoteose de concertos ou foi sorpresa?

Si, totalmente. Eu creo que foi decisivo, polo menos no meu caso, a volta á realidade post pandémica. Non se terían feito tantísimos concertos e festivais, nin de broma, de non ter sido por iso, porque a xente estaba doente por volver xuntarse e ir a todo canto evento houbese na contorna. Eu… non, non contaba con tal cantidade de actuacións este ano. Tamén é que eu son moi pesimista, sempre penso que o próximo ano vai haber un baixón no proxecto por calquera motivo. Entón, claro, non son eu a mellor vara de medir á hora de falar de expectativas.

B. Nunha entrevista dicías “Non todos temos que afinar como se fósemos Mariah Carey” polo que entendemos que o cante non é o teu “forte”, ha, ha!! Ou si? E por outra banda mesturas rock, punk con electrónica, daquela, como definirías o teu estilo?

Non lembraba ter dito iso, vaia vergonza. Non hai que facerme moito caso ao que digo nas entrevistas, eh. Mirade, houbo unha época que, por algún motivo que aínda non descubrín a día de hoxe, antes de cada entrevista que me facían (nunha época, ademais, na que me facían bastantes) tomaba un café. A min a cafeína vólveme tolo. Literalmente tolo. Parezo o demo de Tasmania cando bebo un café. E claro, así acababa dando titulares que, ao lelos tempo despois, dicía eu para min: “A xente vai pensar que son tonto”. O da mestura de rock e punk con electrónica si que me parece moi acertado. Ao menos, é o que intento facer coas miñas cancións, mesturar esa tradición do punk e o rock dos 80 cos elementos compositivos da música electrónica.

B. Es un músico con formación profesional que levas tocando dende os 13 anos e o teu primeiro grupo en serio foi Oh! Ayatollah pero, aínda así, imaxino que hai quen non te coñece, que lle dirías á xente que acode ao teu concerto por primeira vez? Que pode atopar?

Honestamente, eu penso que os concertos de Grande Amore son moi divertidos. Moita xente que, a priori, pode ter uns gustos musicais que están moi lonxe do que eu fago, acaba bailando e dándoo todo xa a partir da terceira canción. Unha cousa que me gusta moito dos nosos concertos (especialmente agora que vén de DJ a miña amiga María) é que involucramos moito ao público e hai momentos nos que se produce unha especie de “comunión” parecida ao ambiente que pode haber nunha verbena, pero tocando unha música moi escura, case industrial. A min, persoalmente, esa combinación encántame.

B. Es natural de Burela pero a túa época universitaria e polo tanto onde te formaches e bebiches do seu ambiente musical foi en Compostela, pensas que hai diferenzas en canto a estilos entre os grupos que están a xurdir nas diferentes capitais galegas? Como ves o panorama musical galego en xeral?

Isto dígoo sempre, pero non por moito repetilo creo que perda valor de verdade: a música galega (en xeral, sen centrarnos en ningún estilo en particular) está vivindo, de lonxe, o mellor momento que eu recorde. Hai moitos proxectos que están conectando co público a un nivel que eu, xa digo, nunca vira. Si que é certo que estaría moi ben que se lle dese máis visibilidade a proxectos que nacen fóra do eixo da AP-9, por dicilo dalgunha forma. Por exemplo, a xente como The Brosas, que son unha banda de Burela que levan dez anos facendo un rock and roll incrible.

B. Polo AgoraSon xa pasaron grupos como Susana Seivane, Luar na Lubre, A banda da loba, ou as Tanxugueiras. Estas últimas cun éxito máis ca consolidado fóra do país coas que dis que vos une certa afinidade á hora de relacionarvos co público. Que papel xogan as redes sociais e as canles de estreaming na túa música e no teu traballo diario?

Boa pregunta… Gústenos máis ou menos, todo o que ten que ver coas redes sociais e Internet, a día de hoxe, é prácticamente a metade de traballo dun grupo. Eu, moitos días, doume conta ás cinco ou seis da tarde de que levo toda a xornada adicándolle todo o meu tempo a contestar mensaxes de Instagram, anunciar concertos en Twitter, mandar mails… e cero minutos a facer música. Iso é un pouco triste, a verdade, pero é o mundo no que nos tocou vivir. Tamén me daría pena ter descoidadas as redes e ter a sensación nalgún momento de que estou perdendo de chegarlle máis ao meu público por non comunicar ben. Non sei… agora que leo isto, doume conta de que teño o que se podería considerar unha relación tóxica con todo o tema de Internet. Nin con el nin sin el estou ben. Eche unha desgracia.

B. A temporada festivaleira parece que vai tocando á súa fin, persoalmente, ti precisas volver xa ao formato de sala pequena? Onde te sentes máis cómodo?

Dende sempre, eu estou afeito a ir a concertos en salas. É onde me criei musicalmente, e tamén o tipo de espazo no que eu creo que funciona mellor a música como a miña, así oscura e rápida. Pero unha cousa non quita a outra. Nos festivais, cando hai bo ambiente, xérase unha enerxía que é incrible. Por exemplo, no Revenidas deste ano… aí hai unha maxia en tocar entre SFDK e Talco e ver que a xente está entregadísima cantando todas as túas cancións. Xa digo, eu son animal de sala pequena, pero hai cousas boas dos festivais que son dificilmente replicables nestes espazos.

B. O AgoraSón, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, celébrase con motivo do #DíadaBiblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual. Este ano o Ministerio de Cultura celebra a efeméride baixo o lema “BiblioTEcuida”, que se centra en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos. Así que nos gustaría rematar coa pregunta de, que é a biblioteca para ti, Nuno?

Non creo que ninguén se sorprenda se digo que tiven unha adolescencia un pouco peculiar. Por unha banda, era unha persoa moi extrovertida (o “gracioso” da clase, por falar claro) e por outra, alguén terriblemente introvertido e inseguro. Entón, aínda que isto sone a tópico, o certo é que pasei bastante tempo da miña primeirísima xuventude na biblioteca pública de Burela. Gustábame moito estar alí, sentíame illado e seguro. Lembro que había unha enciclopedia da historia da música, e eu pillaba continuamente o tomo que falaba do século XX, e lía a parte que trataba do rock. Había unha foto de Robert Plant, o cantante de Led Zeppelin, que me chamaba moitísimo a atención. Entre esa enciclopedia, un libro de Bukowski que se traduciu ao galego como “Pan con xamón” e a colección completa de cómics de Tintín, pasaba eu o meu tempo. Teño un recordo moi bonito daquilo, e penso que foi unha etapa moi importante na miña formación como persoa (que pedante soa dicir isto, pero é certo).

Moitas grazas polo teu tempo e moitos éxitos.

E vós lembrade que aínda estades a tempo de conseguir a vos entrada para o AgoraSón, o propio Nuno explícache como, atende ao vídeo!!

Nuno Pico convídate ao AgoraSón e diche como coseguir as entradas

Lista Reprodución Fórum: Noroeste Remember

Mañá mércores 10 de agosto dá comezo a 35 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia que encherá de música a cidade durante 5 días da man de 49 artistas que estarán repartidos en 10 escenarios por toda a cidade. O Noroeste conta coma todos os anos cunha variada programación de concertos gratuítos ao aire libre e está considerado coma un dos eventos musicais máis relevantes do verán no norte da península.

Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia aposta non só polos mellores nomes internacionais, senón tamén polas novas promesas que veñen con forza e polas formacións locais e galegas. Este ano en concreto destacan as voces femininas: Tanxugueiras, Zahara, Luna Ki, Valeria Castro, Delaporte, Maika Maikovski, Toccororo, Amparanoia, Maruja Limón ou A Pedreira entre outras.

Entre os artistas da terra poderemos desfrutar das actuacións en directo de Baiuca, Néstor Pardo, Alicia Carrera, Dios Ke Te Crew, Familia Caamagno ou Miguel Costas entre outros.

O festival regresa nesta edición ao seu escenario máis emblemático na praia de Riazor e presenta unha nova programación no peirao de transatlánticos. Esta edición recupera tamén a presenza do Mercado da Colleita que se instalará durante as 5 xornadas do festival no Campo da Leña e que contará coa presenza dos produtores que participan neste proxecto de impacto social de Corporación Hijos de Rivera.

Na Lista de Reprodución Fórum  facemos un “remember” con artistas desta e das últimas edicións do festival. Tela ao teu dispor para botarlle unha escoita a través da nosa canle de sopotify á que podes subscribirte e suxerirnos novas cancións e os discos dispoñibles na Biblioteca Fórum para levalos en préstamo.

Dorian– La velocidad de la luz. Holywater – The path to follow. Joe Crepúsculo  – Chill out. Agoraphobia – Incoming noise. Hongo – Live to ruin. Escuchando elefantes – ¿Por qué siempre cantáis en inglés?. Silvia Penide – Los días de plomo.  UB40 – Cover up. Belle and Sebastian – Write about love.  César de Centi – Bailando el incendio. Aviador Dro – Ultimatum a la Tierra. Miguel Costas – Condenado a costa.  Dios Ke Te Crew –  Humanose. Tanxugueiras – Tanxugueiras. Triángulo de Amor Bizarro – #AñoSanto.  Corizonas – The news today. Os amigos dos músicos – Segundo fogar. Zahara – Puta. Soleá Morente – Lo que te falta. Ángel Stanich –  Camino ácido. 

Conversa con Xurxo Fernandes

A Biblioteca Fórum ven de poñer en marcha un novo ciclo temático: “De meu, de teu, de seu: a importancia da convivencia interxeracional na sociedade” para dar visibilidade e tomar conciencia da importancia das relacións interxeracionais tanto dende un punto de vista teórico, a través de charlas de expertos, coma práctico coa realización de obradoiros nos que prime a convivencia e interacción de persoas de diferentes idades.

O mércores 27 de abril ás 19 h. a sala de adultos da biblioteca acolle un faladoiro da man do músico e investigador Xurxo Fernandes no que nos achegaremos precisamente á interxeracionalidade como elemento singular dentro do folclore: pasado, presente e futuro das ruadas nas que desaparece a división etaria. Descubriremos cales son as claves para afianzar estes espazos e como contribuír desde o ensino a fornecer códigos que permitan o funcionamento actual e futuro deste fenómeno de lecer.

Imaxe de Xurxo Fernandes para Bibliosons

Dende Bibliosons conversamos un anaquiño, para coñecer máis polo miúdo ao creador e artista coruñés, Xurxo Fernandes, que ten un merecido recoñecemento como etnógrafo da música de tradición oral galega, da que beben proxectos artísticos como ‘Radio Cos’, e tamén destaca como intérprete da música urbana dos xudeus do imperio Otomán, no que está baseado o seu personaxe de Jako o Muzikante.

B. En Levaino! o teu último e exquisito traballo pódese dicir que conflúen a túa vertente investigadora e a interpretativa e exploras a conexión existente entre a tradición oral de Galicia coa do Mediterráneo Oriental. Eu persoalmente no primeiro no que reparo é no título, paréceme que transmite forza e moita mensaxe atrás del. Cal é o verdadeiro significado de Levaino!?

X. “Levaino!” é unha exhortación a levar connosco a nosa identidade alá onde vaiamos. Nun mundo no que vivimos en minoría impregnados pola globalización é un grande reto manter a nosa esencia e ao mesmo tempo estar abertos e ser permeábeis ao universo que nos rodea. Un traballo ben dificil: non habitar guetos mentais nin diluírse na corrente que arrastra as masas.

B. Levaino! ofrece doce temas que recolleches en Coristanco (A Coruña), Samakov (Bulgaria), A Mezquita (Ourense), Salihli (Turquía), Tordoia (A Coruña), Larache (Marrocos) e Tel Aviv (Israel). Entendo que entre a música da terra e a da vertente Mediterránea a diferenza é notable, pero, que características diferenciadoras sinalarías entre as cantigas da Mezquita e as de Tordoia por exemplo? E os toques de pandeireta?

X. A música tradicional ,igual que a língua, é un contínuo ao que nós lle asignamos unhas divisións para poder encaixalas nos nosos esquemas mentais. De modo que as diferenzas que pode haber entre as cántigas de Tordoia e as da Mezquita dependen do lugar onde se sitúe o interlocutor. A min persoalmente quédame máis próximo Tordoia, un concello que explorei moito grazas ás gravacións de campo e co que tiven un vínculo laboral moi estreito, de modo que as músicas da Mezquita – e non é polo nome- parécenme máis exóticas. Seguro que á xente da Mezquita Tordoia sóalle a grego…hahaha. Galicia é moi grande! No plano musical a dispersión populacional que hai na Galiza favorece a diversidade e a riqueza de melodías e toques de pandeireta, sen dúbida. O feito de que haxa diferenzas no toque entre aldeas que teñen dous quilómetros de distancia dános unha idea da magnitude do tesouro que temos entre mans.

B. Por certo, esa conexión entre a tradición galega e a de todos eses países que mencionamos na pregunta anterior, que curiosa non? É que a música de raíz ten estas similitudes en xeral entre países ou hai algún vínculo especial nestas para cadralo todo nun disco?

X. Como ben dis as músicas de raíz teñen algo en común. Alén da súa xénese estritamente musical, pasaron por varias peneiras: o tempo, a memoria e a aprobación popular. Pero ademais disto eu vexo que a tradición oral de Galiza está vencellada á oralidade norteafricana e mediterránea: comparten o mesmo modo de entender a voz e as percusións de man. Un vínculo que non está moi explorado e que me interesa pór enriba da mesa aproveitando a miña experiencia na investigación de dúas realidades músicais: a galega e a da comunidade sefardí de oriente.

B. Parece que na actualidade estamos a vivir un auxe do folclore e da música de raíz galega, o exemplo máis evidente recén o acabamos de vivir co fenómeno Tanxugueiras, pero pensas que veu para quedar ou que pode ser unha moda pasaxeira?

X. Cal é a moda pasaxeira? O auxe do folclore ou a música das Tanxugueiras? Espero que ningunha. O folclore en Galicia pasou varias veces por este punto álxido. Nos anos 60 a empresa Butano S.A. organizaba un concurso itinerante de muiñeira que reunía en Compostela a máis de 35000 persoas para asisitir á súa final. Sen redes sociais. Nos anos 90 o concurso de pandeireteiras de Xacarandaina tiña ocupado o teatro Colón da Coruña durante tres fins de semana seguidas con fileiras quilométricas que daban a volta aos xardíns de Méndez Núñez para asistir ao evento. O fenómeno non é novo pero temos unha memoria moi fráxil, o pé coxo do folclore.

B. No faladoiro da Biblioteca Fórum achegaremos á interxeracionalidade como elemento singular dentro do folclore, practicamente o único ou un dos poucos fenómenos de ocio no que conviven diferentes xeracións. Quixera que nos contaras que situación están a vivir na actualidade as ruadas, imaxino que coma a todos os fenómenos sociais e de lecer se viron afectados pola pandemia, pero hai recuperación actualmente?

X. Parece que si, a xente está participando moi activamente nas propostas que van aparecendo. Penso que levan bo camiño. Pero tamén hai que redefinilas. Para saber que é unha ruada hai primeiro que destilala e pór enriba da mesa os elementos importantes que non poden faltar para evitar que se convirtan, por exemplo, en sinónimos de festival onde a participación espontánea brilla pola súa ausencia ou festa convocada pola “comisión de festas”con grupos que tocan de balde.

B. Que papel xogan realmente as ruadas e as foliadas na trasmisión e conservación do patrimonio cultural oral galego?

X. Por agora o papel na conservación e na transmisión é escaso, sendo que ese papel hoxe en día xógano as asociacións culturais en exclusiva. Ademais disto, as ruadas de hoxe en día están carentes duns códigos que permitan esa transmisión dun modo voluntario e natural, como pasaba antigamente. Hoxe o escenario mudou totalmente pero os códigos non se actualizaron, senón que desapareceron. Un traballo pendente.

B. Sabemos que comezaches dende moi noviño a túa andaina percorrendo Galiza e realizando un traballo de campo valiosísimo que precisamente é o que agora se reflexa nos teus discos, pero quen foi realmente para ti esa persoa “interxeracional” que che transmitiu o amor e interese pola música tradicional?

X. O meu interese na música tradicional veu pola língua, polo tanto as primeiras persoas que me fascinaron eran meus avós. A outra referencia é a xente maior que me ensinou tan xenerosamente.

B. E como cres que será a transmisión interxeracional de agora en diante? Cando sexa a nosa xeración a que teña que transmitir a tradición galega sen tela vivido como a viviron as nosas avoas e avós.

X. Nós temos que contarlles como era o mundo sen internet e sen teléfono móbil, a música xa escoitan por Spotify… hahahahaha…

Moitas grazas Xurxo e moitos éxitos!

Cancións Monstruosas!!!!

Como xa sabedes, na Biblioteca Fórum somos superfans do terror e da ciencia ficción. Encántanos a riqueza das súas historias, a vinculación socio-política destas e, evidentemente, a sensación de desacougo que nos deixan os visionados e lecturas das obras deste tipo. Por iso, atopamos no Samaín a escusa perfecta para recomendar todo tipo de obras de temática terrorífica e irémolo facendo ao longo de toda esta semana a través de mostras bibliográficas que podedes visitar nas bibliotecas e tamén dos diferentes blogs. Por suposto, a música non podia quedar atrás.

Así que imos ver que nos aporta a música con respecto ao terror, e en concreto do tema que eleximos para esta ocasión: Os monstros. Elaboramos unha lista de reprodución con cancións monstruosas porque calquera Samaín que se precie ten que contar cunha lista de música á altura da festa e gozar de que seguimos vivos!.

Contamos cos clásicos, o clásico entre os clásicos o gran Michael Jackson con Thriller  que ademáis do éxito da canción moi axeitada para unha noite de medo rodeados de esqueletos, zombies e demais criaturas do alén, o vídeo converteuse en todo un referente musical.

Vídeo oficial de Thriller

Tampouco podia faltar a banda sonora dos Cazafantasmas nunha lista así, un temazo que todos os que vivimos a estrea desta película nos anos 80 nos trae moi bos recordos. E a quen non lle soa Mi novio es un zombi  interpretada polo grupo español Alaska e Dinarama, incluída no seu cuarto e último álbum de estudo Fan fatal e na que moitas das actuacións aparecía unha persoa disfrazada do mítico personaxe Freddy Krueger.

Pero por suposto tamén incluimos temas “máis actuais” como Monster de Lady Gaga que recibiu moi boas críticas ou  El Vengador Tóxico dos coruñeses Nashgul e a quen dende a biblioteca temos especial cariño.

A lista segue como xa sabedes e tédela ao voso dispor ademáis de no blog na nosa canle de spotify para que a desfrutedes este Samaín ou cando o corpo vos pida subir de pulsacións.

Lista ao completo de Cancións Monstruosas

Bark At The Moon – Ozzy Osbourne. Medusa  – Emma Ruth Rundle. The Call Of Ktulu  –  Metallica. Thriller – Michael Jackson. Mi novio es un zombi – Alaska y Dinarama. Lobo-hombre en París – La Unión. El Vengador Tóxico – Nashgul.  Ghostbusters – Ray Parker. Pet Sematary – Ramones.  Not Of This World – Danzing. Scary Monsters – David Bowie. Seabest – Mastodon.  Godzilla –  Blue Öyster Cult. Cosmic Monster Inc. – White Zombie. You Can Get Him Frankenstein – The Castle Kings.  Count Dracula – The Rockin´Continentals. Danza Macabra – Camille Saint-Saëns. Death Drum – John Carpenter. No Es Serio Este Cementerio – Mecano. Somebody´s Watching Me –  Rockwell. Psycho Killer –  Talking Heads. Monster –  Lady Gaga. Zombie –  The Cranberries. ¿a Dónde Van Los Muertos? –  Kinky. Feed My Frankenstein –  Alice Cooper. Calaveras y Diablitos –  Los Fabulosos Cadillacs.

Feliz Día da Biblioteca!

Desde 1997, cada 24 de outubro conmemoramos o Día da Biblioteca. A celebración deste día naceu por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor do persoal bibliotecario. Elixiuse tal día en recordo da destrución da Biblioteca de Saraievo durante o conflito dos Balcáns en 1992.

As Biblioteca Municipais festexaremos o noso día cun concerto gratuíto da artista coruñesa Sés. A cantautora actuará no auditorio do Centro Ágora coa banda completa o domingo 24 de outubro ás 19.00 h, exclusivamente para socias e socios das Bibliotecas Municipais.

Sés é unha artista comprometida coa protección do patrimonio cultural local. Considerada como a revolución da escena musical galega, conta cunha traxectoria ascendente motivada non só polo seu discurso valente e contundente, senón sobre todo por unha proposta musical xenuína e orixinal na que conflúen rock and roll, tradición oral galega, canción de autor e unha actitude punk e reivindicativa.

Ademais de gozar da súa música, tivemos a oportunidade de charlar con ela no ciclo de conversas Ofalarnonten#, unha nova iniciativa posta en marcha na Biblioteca Ágora que xorde co fin de reforzar a función dos axentes culturais e reivindicar, ou máis ben lembrar, o potencial que teñen as bibliotecas como espazos de diálogo.

“Para ser punk non fai falla unha camiseta dos Ramones, fai falta un carné da biblioteca”.

Partindo deste lema, que atopamos do seu puño e letra no disco “Admirando a condición”, Sés falounos da súa relación coas bibliotecas, das súas lecturas favoritas, da súa produción musical… E unha vez máis demostrou que o falar non ten cancelas (nin cancelos). Velaquí o vídeo coa conversa! Feliz día da Biblioteca!

Lista Reprodución Fórum: Ultreia Peregrina

Ultreia Peregrina é o novo Ciclo Temático que abordaremos durante o primeiro trimestre do ano 2021 na Biblioteca Fórum Metropolitano.

Con motivo da celebración do Xacobeo este ano 2021, dende a Biblioteca Forum Metropolitano propoñémosvos chegar a Compostela a través dunha selección de lecturas, música, películas ou podcast distribuídas en sete etapas, onde poder  coñecer máis a fondo o camiño a Compostela. Tedes toda a información do ciclo na nosa web.

Cartel_vertical_fotografiaA Lista de Reprodución desta volta como non podía ser doutro xeito está composta por unha serie de cancións que pensamos que poden  inspirar a quen decida emprender o camiño ben sexa de xeito presencial ou virtual. Seleccionamos unha gran variedade de cancións para axudarche non só a facer este longo camiño, senón tamén para dar renda solta á túa imaxinación e axudarche a desconectar da realidade por momentos, porque diso tamén vai o Camiño.

Comezamos co grupo Ialma formado por catro vocalistas mulleres: Verónica Codesal, Natalia Codesal, Magali Menéndez e Marisol Palomo. Catro namoradas de Galicia. Vivindo en Bruxelas, manteñen un vínculo vital con Galicia, a súa patria e principal fonte de inspiración artística. As voces tradicionais caracteríticas das cantareiras fusiónanse con sons, melodías e arranxos máis modernos, dando cancións moi frescas e vivas, que son unha combinación intelixente para unha renovada música universal con algunhas conexións célticas. No seu quinto traballo Camiño de Bruxelas a Santiago, nótase máis a mestura de culturas para así mostrar unha Galicia aberta, unha Galicia que vaia ao encontro de todas as culturas e todas as linguas.

Ialma live at Brussels – Muziekpublique

E se do camiño falamos non pode faltar Luar na Lubre co seu disco Extra Mundi no que reflexan como saíron a dar unha volta por algúns dos países onde a súa música foi acollida. Así, ademais de reinterpretar algúns temas tradicionais da súa terra, viaxan a Portugal, o País Vasco, Asturias, a Gran Bretaña, Catalunya e o País Valenciano, onde fan unha versión algúns dos temas máis populares dos seus respectivos cancioneiros. En conxunto, esta selección de versións mantén a personalidade propia de Luar na Lubre a pesar da disparidade das súas procedencias. Unha personalidade moi ben traballada, cun estilo folk moi depurado, sen estridencias.

Recuperamos Benzón, o primeiro traballo en solitario de Guadi Galego que ofrece unha mestura de música tradicional e de autor en clave folk, jazz e pop. Segundo a propia Gaudi ” Benzón é hiperenxebrismo. O que di a xente do pobo cando está moi agradecida”.

Andrés Suárez – Pequeña Historia de Marina (Lyric Video)

Na lista podes atopar música moi ecléctica e de todos os estilos musicais, dende Mi pequeña historia do cantautor ferrolán Andrés Suárez, á fadista Dulce Pontes aos Zënzar de Cerceda ou o histórico grupo de hip hop Dios Ke Te Crew co seu terceiro disco O ciclo da serpe. E por suposto a selección musical do Camiño inclúe Santiago do compostelán Fredi Leis tan en boca por ser parte da banda sonora da serie “3 Caminos” pero que xa iniciou a súa carreira musical no 2013 na plataforma dixital Soundcloud, conseguindo miles de reproducións nas súas cancións. Os seus primeiros concertos foron en Santiago, na sala Soar e, aos poucos, foi crecendo ata encher a sala Capitol.

O peche poñémolo con Lodo de Xoel López, pertencente ao seu álbum Sueños y Pan (2017) e que forma parte da BSO da campaña turística do Xacobeo 2021. Aquí vos deixamos a Lista ao completo que tamén podedes escoitar a través da nosa canle de spotify e lembrade que moitos dos discos están dispoñibles na Biblioteca Fórum para que os levedes en préstamo.

Andrés Suárez – Mi pequeña historia. Lamatumbá – Paraugas Universal. Dulce Pontes  –  Peregrinaçao. Ialma – Camiño de Bruxelas a Santiago. Luar na Lubre – Extra Mundi. Los Suaves – Esta vida me va a matar. Fredi Leis – Neón.  Xabier Díaz – Noró. Amancio Prada – Trovadores, místicos y románticos.  Rosa Cedrón – Nada que perder. Raiceiras – Raiceiras. Sés – Rabia ao silencio.  Carlos Núñez –  A Irmandade das Estrelas. Milladoiro – Iacobus Magnus. Guadi Galego – Benzón.   Xoel López – Si mi rayo te alcanzara. Luz Casal – Un mar de confianzaZënzar – Vaise armar. Dios Ke Te Crew – O ciclo da serpe. Mago de Oz –  The best oz. 

Escoitas de regalo

Un ano máis, as bibliotecarias e os bibliotecarios das BMC queremos axudarvos a elixir os mellores regalos de Nadal. É por iso que tanto nas bibliotecas da rede como na nosa web descubrirás a selección Historias de regalo 2020, clasificada por tramos de idade e outras áreas de interese (LGTB e feminismos, cómic, Biblioteca Verde…) e con materiais publicados nos últimos dous anos. Recomendacións para todas as persoas e para todos os gustos nas que a música non podía faltar.

Si mi rayo te alcanzara é o cuarto álbum en solitario do artista coruñés Xoel López, publicado no pasado mes de novembro, e que exerce de fronteira musical cos anteriores. Abre un novo camiño no que o cantautor pasa a compartir a responsabilidade creativa, grazas á colaboración de David Quinzán. Os cambios móstranse tamén nas cancións, sendo estas máis corais e mesmo prescindindo en ocasións dos instrumentos clásicos como a guitarra. Unha liberación creativa para López, disposto a experimentar con sons alternativos. O deseño do disco tamén é sinal de metamorfose: das cores e figuras rechamantes de álbums anteriores pasamos a unha arte minimalista da man de Rebeca Losada, no que predominan dúas cores: o vermello e o azul.

A cantanteSés proponnos Liberar as arterias cun disco co que segue evolucionando o seu particular son, e que mantén a súa valente mensaxe, percorrendo América de norte a sur, todo filtrado pola súa alma de cantareira. O seu sétimo disco é un álbum con letras e músicas compostas por ela, que mestura con guitarras, baterías, pandeiretas… e que ten como eixo a loita feminista. O título do disco vén tomado dun poema da escritora e activista Luz Fandiño, cun verso que a artista leva tatuado no seu brazo e que reza: “Quero sangrar as miñas feridas para liberar as arterias”.

Ultraligero congrega todos eses sons que foron calando co tempo no imaxinario de  Novedades Carminha, máis preto da pista de baile e a verbena de barrio que do rock con pretensións. Un disco moito máis libre e complexo do que parece, pola súa pluralidade de estilos: funk bailongo, pop vacilón, cumbia, música jamaicana, hip hop… Pese a esta miscelánea, hai conexión e discurso. Un álbum arriscado e diferente do que non hai impresión firme ata que rematas de escoitalo.

Chegamos ao Latexo de Xosé Lois Romero e Aliboria. Un álbum conceptual, variado e minimalista que percorre o esqueleto da tradición musical galega, na procura do pulso máis profundo da terra. Latexo mantén a forza do tribal e o ritual á vez que reinterpreta os códigos da música folk. Tan preto da tradición galega máis crúa como dos sons da África máis indixenista, o romanticismo harmónico e coral da música sacra, ou mesmo esa sensación de poder que impón a “haka” dos All Blacks de Nova Zelanda.

Os máis pequenos da casa tamén contan con banda sonora para estas festas. A familia María Fumaça propón unha nova viaxe en O veleiro verde, unha embarcación coas bodegas ateigadas de amizade, cariño e cancións para compartir de xeito inclusivo. O capitán Rui vai medrando, e con el a nosa ollada do mundo e da música: integradora, variada e intercultural.

A cousa vai de sons, pero isto non é todo. Bota un ollo á guía ou pásate pola túa biblioteca para descubrir todos os materiais que vos propoñemos. Bo Nadal!

#25N: Ti decides

Onte conmemoramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, un día que pon de manifesto unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas, persistentes e devastadoras do mundo actual. Maltrato físico e psicolóxico, explotación sexual, insinuacións non desexadas, acoso cibernético… son moitas as formas de expresión dunha violencia que en ocasións chega a ser normalizada e mesmo aceptada como parte das dinámicas do día a día. Ante isto, a implicación de todos os axentes da sociedade é unha das obrigas que debemos marcarnos como cidadanía, pois será o único camiño cara a unha igualdade real e efectiva.

Baixo os lemas #TiDecides e #BibliotecasSTOPViolencia as Bibliotecas Municipais da Coruña presentamos unha campaña que aposta por visibilizar o papel das bibliotecas como espazos que impulsan a transformación social e promoven a igualdade de xénero.

A música tamén é permeable aos movementos que avogan por dita igualdade. Na playlist #TiDecides recollemos cancións comprometidas cunha sociedade libre de violencia de xénero, ben por ser berros de loita e rabia contra o sistema ou cantos cargados de esperanza e sororidade.

Precisamente un 25 de novembro, pero de 2017, Rozalén lanzaba o single “La puerta violeta”, un tema contra as agresións machistas que non tardou en liderar as listas dos máis escoitados en Spotify. A mensaxe é evidente: o feminismo como medio para poñer fin aos feminicidios e á desigualdade de xénero.

Gata Cattana foi unha das grandes impulsoras do rap feminista. Artista, politóloga e poeta, faleceu con tan só 26 anos, pero deixou un legado musical con moito peso reivindicativo. O seu tema “Lisístrata” tomou o nome da famosa comedia de Aristófanes, onde se expón a folga sexual das mulleres como medida de presión, e converteuse en todo un himno pola liberación e a emancipación.

“Paren de matarnos” é un contundente tema que nos trae a cantante, compositora e DJ arxentina Miss Bolivia. Un chamamento para frear a violencia de xénero e a dramática situación de feminicidios que se vive en Latinoamérica.

Manolo García recórdanos en “Sombra de la sombra de tu sombrero” que as relacións de parella non deben aprisionar, senón liberar. Unha canción que aposta polas relacións de parella saudables onde non se permite a violencia nin o xogo de poderes.

Nesta nova lista de reprodución atoparás cancións que sonan con especial forza nestes días, dispostas a espertar emocións e remover conciencias. Convidámosche a subir o volume e comprobar que a música tamén alberga un importante compromiso na loita contra a violencia e a desigualdade. Ti decides!

Le, viaxa, soña…

Neste verán tan extraño postconfinamento queremos pouco a pouco volver á normalidade e unha desas normalidades é o noso ciclo de verán.  Este ano títulado “LE, VIAXA, SOÑA…” e mentras lemos podemos viaxar  e soñar acompañados da lista de reproducción que elaboramos para tí e que  seguro non che vai a deixar  indiferente.

 A música ten a capacidade de darnos unha sacudida e espabilarnos cando máis o necesitamos. De feito hai cancións e ritmos que escoitamos e que nos devolven a enerxía de maneira case automática. Hai melodías que según a ciencia teñen os elementos que o noso cerebro necesita para recuperar o ánimo. Calquera melodía que che faga sorrir, que che inspire bailar, bo rollo , ou simplemente che relaxe , vai ser boa para ti. Cando teñas un día gris , convence ó teu humor de que cambie de rumbo con boa música, esa que nos axudou tanto no confinamento.

Música e felicidade están intimamente ligadas, chega o momento de que prepares o cerebro para unha dose de enerxía positiva a través destes temas que recopilamos para ti nesta lista de Spotify.

Faremos un percorrido polos grupos e cantautores da xeografía española, remontaremonos a outras décadas ata chegar á actual, tocando diversos xéneros como pop, indi, alternativa, rap, etc…

Creamos unha lista con temazos tan pegadizos que, sen querer, meteranse na túa mente todo o día e non poderás evitar cantaruxar e bailar coma “Tigre de Bengala” de Xoel López, unha canción do máis alegre e que dá nome ó seu novo álbum , pasando polos grupos  miticos do pop dos 80 como Los Piratas, Radio Futura, Seguridad social, Heroes del Silencio…. Recordamos a Pau Donés coa a súa derradeira  canción “Eso que tu me das” e non pode faltar irmos de “Verbena” con Novedades Carminha. Sacudiremos os nosos medos con Rosana Arbelo “Sin miedo” e tamén nos engancharemos á vida con Guadi Galego “Chea de Vida”

 

Desexamos que esta lista sexa a vosa compañeira do verán e vos faga pasar un intre divertido co que bailar ou quizais relaxarvos, en definitiva que sexa capaz de transportarvos alí onde queirades, da primeira á última das cancións

Dalle ao play e que empece a soar a música!!!