PrimaLetras Galegas con Luar na lubre

Os gregos, ignorantes do influxo da posición da órbita terrestre en relación co Sol, crearon un mito para explicar as diferentes estacións climáticas do ano. Segundo o mesmo, no principio dos tempos os seres vivos gozaban dunha eterna primavera. Pero o rapto de Perséfone polo seu tío Hades, namorado dela, deu orixe ás diferentes estacións.

Nas Bibliotecas Municipais desexaríamos facer do mito unha realidade e prolongar no tempo esta primavera tan especial, na que festexamos todas e cada unha das efemérides relacionadas co libro e a lectura no marco do Festival Primaletras. Pero sendo conscientes de que xogar a ser deuses é só unha absurda ilusión, argallamos un fin de festa que ata no Olimpo sería un exitazo. Celebraremos o Día das Letras Galegas co grupo de folk coruñés Luar na lubre, que ofrecerá un concerto no auditorio do Centro Ágora o vindeiro 21 de maio, ás 21 h, para as persoas socias das Bibliotecas Municipais.

Con máis de 30 anos de historia profesional e con dous discos de ouro ao longo da súa traxectoria, teremos o privilexio de escoitar a unha das bandas de música celta máis importantes de toda Europa. Recoñecida con galardóns como Mellor Álbum Tradicional por “Camiños da fin da terra” (Premios da Música, 2008) ou “Ao vivo” (Premios da Música, 2010), é un referente da música folk que participou nos principais festivais de World Music xunto a artistas como Mike Oldfield, The Waterboys, The Corrs ou Bob Geldof. O seu último traballo, “Vieiras e vieiros” (Warner Music, 2020), pon banda sonora ao Camiño de Santiago a través de 27 temas.

Os convites para o concerto repartiranse (ata acabar existencias) co préstamo de material en lingua galega (libros, películas, CDs…) dende o luns 16 de maio nas Bibliotecas Municipais, no horario de apertura de cada unha delas, ofrecendo dous convites por carné.

Faranse dúas quendas de reparto: en horario de mañá e horario de tarde. O horario de mañá será a partir das 9.00 h, salvo na Biblioteca de Durán Loriga, que será a partir das 12.00 horas. O horario de tarde será a partir das 16.00 h, agás no Punto de Servizo de Mesoiro, que será a partir das 17.30 horas. Bulide por eles!