Lista Reprodución Fórum: Da música ás letras

Patti Smith, Nacho Vegas, Mikel Izal, Antonio Luque (Sr. Chinarro) ou Joselo Rangel (Café Tacvba) son só algúns dos artistas que precisan expresarse en en artigos, poemas, novelas ou contos, ademais de coa súa música. Por iso, co Día do Libro tan próximo, dedicámoslle a Lista deste mes a estas persoas que deixan saír a súa creatividade de xeitos moi diversos.

Comezamos co cantante de Love of Lesbian, Santi Balmes, que iniciou a súa andadura literaria no 2011, con Yo mataré monstruos por ti, un libro infantil sobre os medos nocturnos. A obra, leva por título un verso da canción Un día en el parque que Balmes dedicou  a súa segunda filla. Tras este viñeron outros catro libros, que podedes atopar nas Bibliotecas Municipais.

Un ano despois do debut literario de Balmes, a banda lanzou o seu sétimo ábum de estudio, La noche eterna. Los días no vividos, un doble disco no que seres anónimos e noctámbulos móvense entre a crudeza e o humor, e mesturan realidade e ficción. Destacamos Oniria e Insomnia, a historia de dous destes seres que conectan á perfección, ata que ela ten que marchar, pero dille que se volverán a atopar unha e outra vez.

David Byrne é un artista moi polifacético: cantante, compositor, guitarrista, cineasta, actor e tamén escritor. O que foi líder de Talking Heads, unha das bandas máis representativas do new wave e o post-punk, conta xa con nove libros publicados. Dous dos máis coñecidos son Diario de bicicleta e Cómo funciona la música; nesta obra explica como tecnoloxía e música cambiaron o modo en que se crean, entenden e escoitan cancións.

Dos Talking Heads escollemos Once In a Lifetime, un tema producido e coescrito con Brian Eno, pertencente a  Stop Making Sense, o seu disco en vivo de 1984, que contén os temas da banda sonora da película do mesmo nome.

A cantante e compositora malagueña Vanesa Martín fixo en 2016 a súa primeira achega ao mundo da escrita con Mujer océano, unha selección de poemas próximos, urbanos e actuais nos que fala dos seus medos e inseguridades, do amor e o desamor

Ese mesmo ano, saíu ao mercado o que ata o momento é o seu último traballo, Munay, un dos temas mellor acollidos do mesmo, foi Porque queramos vernos, que versiona en castelán e portugués con Matías Damásio.

Quen tamén se estreou recentemente coa poesía foi o coruñés Xoel López, que o pasado setembro presentou Bailarás cometas bajo el mar. Nel, amósanos algúns dos poemas que escribiu en distintas épocas, entre disco e disco, mentres compoñía as súas letras.

Tres meses despois do poemario, deleitounos cun novo álbum que ven a pechar un ciclo cos dous traballos anteriores, Atlántico (2012) e Paramales (2015). E é que se os primeiros reflectían as súas experiencias en América e a etapa intermedia na que atopábamos  temas grabados entre España e América; este último, Sueños y pan, supuxo o retorno ao seu país, e del que salientamos Insomnio.

Convidámosvos a profundizar na faceta literaria destes artistas, con algunha das súas obras, que atoparedes nas Bibliotecas MunicipaisE como sempre, se queredes escoitar os traballos dos temas seleccionados ao completo, podédelos atopar no recuncho da Lista de Reprodución, na Biblioteca Fórum.

Albert Pla – Walk On The Wild Side. Andres Calamaro – El Perro. Bob Dylan – Ballad of Hollis Brown. Bruce Springsteen – We Take Care of Our Own. Caetano Veloso – Contigo en la distancia. Dani Martín – Ya nada volverá a ser como antes. Ismael Serrano – Podría ser. Joan Manuel Serrat –De cartón y Piedra. Joaquín Sabina – Resumiendo. Leonard Cohen – The Letters. Love of Lesbian (Santi Balmes) – Oniria e Insomnia. Luis Eduardo Aute – Probablemente te quiero. Madonna – Miles Away. Manolo García – Sobre tus pasos. Nick Cave &The Bad Seeds – Jubilee Street. Rolling Stones (Keith Richards) – Miss You. Talking Heads (David Byrne– Once In a Lifetime. Vanesa Martín – Porque queramos vernos. Vetusta Morla (Juanma Latorre– Sálvese quien pueda. Xoel López – Insomnio