Ana Kiro representa a Galicia na Eurovisión da Intelixencia Artificial.

Galicia participa por segunda vez no AI Song Contest, un festival europeo dedicado exclusivamente á creación de música mediante Intelixencia Artificial. Trátase dun proxecto que foi impulsado en 2020 pola radio e televisión pública neerlandesa VPRO, coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión, o organismo encargado do Festival de Eurovisión. 

O próximo 4 de novembro, 10 países competirán na Gran Final do AI Song Contest 2023, o Festival Mundial da Canción de Intelixencia Artificial. A cuarta edición deste certame musical levarase a cabo na Coruña e ten por lema Walking with AI (O Camiño da IA) (Camiñando coa IA).

Imaxe de Ana Kiro xerada por intelixencia artificial para o proxecto.

Un modelo de intelixencia artificial da cantante, presentadora e actriz Ana Kiro representará a Galicia co equipo PAMP! e a canción Florespiña. As persoas responsables desta iniciativa pioneira levan por nome PAMP! (Proxecto Ana María Prieto), tributo á primeira muller programadora informática galega. Trátase dun equipo multidisciplinar de artistas, enxeñeiros, investigadores e músicos galegos, que teñen o obxectivo de promover a lingua e cultura galega no eido internacional, a través do uso de novas tecnoloxías. A iniciativa está liderada polo xornalista Joel Cava, da axencia creativa compostelá Cecubo Group e que conseguiu a segunda posición con AI-Lalelo o ano pasado neste festival celebrado na cidade belga de Liège.

A proposta, que conta coa aprobación expresa e o recoñecemento da famila de Ana Kiro, ten como obxectivo “inmortalizar e resignificar o seu legado ás novas xeracións empregando a intelixencia artificial” segundo apuntan dende o equipo promotor. 

Florespiña (“Thorny Flower”) – Galicia – PAMP! ft Ana Kiro – AI Song Contest 2023

Florespiña comeza cun recitado da artista que regresa tras trece anos de ausencia polo seu pasamento. Raíz e modernidade fúndense creando un estilo propio. O resultado final de todo o proceso creativo é un periplo pola Galicia profunda co toxo, a súa flor e o folklore propio como protagonistas. Unha merecida homenaxe a María Dolores Casanova González (1942-2010) unha muller feminista, galeguista e progresista, que se personifica na imaxe da flor do toxo. O tema pódese escoitar nas principais plataformas en liña, e xa superou as 7.000 reproducións dende a súa estrea.

A gran final desenvolverase a través dun programa de televisión en directo con público asistente en Studio Follow da Grela, onde a cultura galega estará moi presente, e converterá a cidade herculina na capital mundial da música feita con intelixencia artificial. Por fin poderemos ver a gran Ana Kiro nunha final, posto que xa estivera a piques de participar no 1969 representando a España no festival de Eurovisión, pero finalmente a elixida foi a cantante Salomé, que se alzou coa vitoria con “Vivo cantando”. 

Boyanka Kostova no AgoraSón do outono 2023

Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2023, con Boyanka Kostova en concerto.

Para quen aínda non os coñeza, Cibrán e Chicho son os dous integrantes de Boyanka Kostova, nome tomado da coñecida deportista rusa. Como dato curioso cabe sinalar que a elección do nome aconteceu meses antes de que a polémica rodeara á que fora campioa olímpica no ano 2012 e lle foran retiradas as medallas. A elección, segundo os propios integrantes do dúo teñen declarado, foi cuestión de estilo e gusto xa que querían un nome contundente co que se enchera a boca ao pronuncialo.

Boyanka Kostova nace no 2016, pero tanto Cibrán coma Chicho veñen de formacións anteriores e querían seguir facendo música. Chicho tamén ten o proxecto de Ortiga e Los Rastreadores, con Nuno de Grande Amore. Aínda que os seus comezos foron co rap pasaron despois ao trap nun momento en que o trap estaba empezando a desenvolverse en España, porque en Estados Unidos xa levaba tempo. Foi así como Cibrán e Chicho empezaron a escoitar trap e despois decidiron probar e, vaia se a cousa saiu ben!! 

Seguen baixo a etiqueta dos pioneiros do trap en galego pero entenden que non é máis ca un recordatorio para algunha xente para que saiba por onde van os tiros. O estilo que verdadeiramente encaixa cos de Santiago é, segundo a súa propia definición

“un rollo ecléctico de pasalo guai e nisto caben todo tipo de xéneros e estilos, poderíase dicir música urbana, pero é que iso engloba practicamente todo: do trap ao reguetón, ao dance…Case todo o que se fai co ordenador”.

Boyanka Kostova – Orquesta (Video oficial)

Sexa trap, música urbana…. as cancións de Boyanka Kostova falan do que son eles mesmos, das súas experiencias, da súa cultura… dous rapaces criados en Santiago pero con conexión co mundo do rural, compoñente que se percibe fortemente nos seus temas. Son ademáis desacomplexados, retranqueiros e divertidos porque o seu obxectivo e facer música para pasalo ben, divertirse e botar unhas risa

Teñen abonda experiencia tanto en grandes escenarios coma o Festival Son do Camiño ou a propia Praza da Quintana en Compostela, pero tamén en escenarios pequenos. Toquen onde toquen, o que non varia é a tónica, no escenario pasan de cero a cen nun segundo baixo a fórmula de pasalo guai e arrasar ao máximo no momento.

Por iso, se aínda nos os vistes en directo non perdades esta oportunidade o próximo día 14 de outubro ás 21.00 horas no auditorio do Centro sociocultural Ágora.

A asistencia é de balde, previa recollida de invitación ata esgotárense nas Bibliotecas Municipais a partir do 6 de outubro no horario de apertura de cada biblioteca. Non quedes sen a túa!!!