Músicas posíbeis (lidas, vistas e radiadas)

BID 

Como chega alguén de Nirvana a Negu Gorriak, de aí a Toquinho, Vinicius e María Creuza, de aí a Alcistis Protopsalti e a Nusrat Fateh Ali Khan, de aí a Os Resentidos e a La Buena Vida, a Chico Buarque e Miro Casabella e Johny Cash, de aí a Lisabö, a Uxía e a Led Zeppelin, a Calle 13 e Mencer Vermello? Respondo a partir do meu caso: curiosidade. Amor pola música. Gañas de descubrir. E as revistas, os boletíns musicais e a radio. Falamos da era pre-internet, claro. Cando mercabas un disco e o gastabas, o aprendías de memoria, pola orde das cancións. Cando agardabas co dedo índice colocado en REC a que o locutor acabase de presentar as cancións para gravar naquelas cintas reutilizadas unha e outra vez, con fixo colocado sobre a pestaña de seguridade.

Agfa_Ferrocolor_60+6_Rosie 

Seguramente na traxectoria vital de cadaquén poderiamos marcar acontecementos e datas a partir das cancións que foron banda sonora de cada tempo e lugar. Moitas das miñas chegaron da man de programas míticos de Radio 3, que aquecían os invernos ou acompañaban as tardes e madrugadas. Cuando los elefantes sueñan con la música, El Ambigú, Diario Pop, … Tamén dos boletíns que facían que coñecésemos -daquela non había internet, chavalería!- as portadas dos discos sen nunca telos escoitado. A Tipo, a Discoplay, a BID, o boletín El Sordo para os que andabamos no rollo máis punk e politizado, … E a Factory e a Rockdelux. Cos seus cedés. Que nos axudaron a descubrir grupos e cancións a eito.

12464159 

Hoxe gustaríanos propoñer que nos contárades como descubristes, en que circunstancias ou por que motivos, esas cancións e bandas que vos tocaron por dentro e vos marcaron xa para sempre.

Pink Martini ou a modernidade dos clásicos

imgpink-martini3-1

Pink Martini son unha festa de clasicismo, optimismo e nostalxia, todo a un tempo. Unha orquestra multicultural que dá corpo á elegancia, o desenfado, a intelixencia e as melodías atemporais, cantadas en catro ou cinco idiomas, para quen o importante son os ritmos, os ambientes e as cancións. De seren galegos, serían un espectáculo propio dos nosos vellos e magníficos salóns de baile. Desde aquí soan a Marful, por exemplo, por talento, discurso e voz.

“O noso estilo baséase nos musicais dos anos 40 e 50, mais desde unha perspectiva global. Somos un cruce entre a ONU e eses musicais”, dixo hai pouco nunha entrevista o líder desta banda de doce músicos, o pianista Thomas M. Lauderdale. Mais non nos confundamos. Unha cousa son a alegría e o optimismo, as gañas de vivir e o amor á música -entendida como celebración- , e outra o buen rollito. Afortunadamente Pink Martini fan bandeira do primeiro e non transitan a impostura do segundo.

En toda a súa discografía o que un atopa é verdade e vontade de respectar e de divertir a partir do fío da chanson francesa, dos ritmos latinos, das baladas, dos sones e boleros, da lírica, das festas populares e os guateques, do pop. Limpiños, elegantes e lustrosos como unha patena, e ademais con discurso social: radicalmente contrarios ao Partido Republicano dos Bush e do Tea Party e acidamente críticos cos demócratas de Obama e Clinton -dos que se sitúan moi á esquerda- manifestan a cotío o seu apoio ás minorías, aos dereitos sociais e a un modelo xusto de redistribución da riqueza.

Los mismísimos reyes del mambo, dixo deles o xornalista musical coruñés Fernando Neira. E cremos que ten toda a razón. No seu último disco, Get happy, hai cancións en inglés, francés, castellano, xaponés, alemán, turco, romanés, chinés mandarín e farsi, e participan nel as súas dúas cantantes principais, China Forbes e Storm Large, e colaboradores como Rufus Wainwright, The Von Trapps, a artista de cabaret  Meow Meow, a estrela de pop francés Philippe Katerine, o clarinetista de 95 anos de idade  Norman Leyden e a histórica comediante Phyllis Diller, que canta Smile, unha canción escrita polo seu íntimo amigo Charles Chaplin. Celebración, pois, da diversidade cultural e do talento artístico. Non está mal para un grupo de Portland, EE.UU.

Con eles vos deixamos, para que lles metades o dente.

Pink-Martini-pink-martini-557616_728_280

Para saberes máis deles, vaite a este magnífico artigo de Fernando Neira.

E lembra que nas nosas bibliotecas podedes atopar parte da discografía desta banda americana:

  • Hang on little tomato [Grabación sonora] / Pink Martini. — [Portland] : Heinz Records, cop. 2004
  • Sympathique [Grabación sonora] / Pink Martini. — Portland : Heinz Records, cop. 1999
  • Hey Eugene! [Gravación sonora] / Pink Martini. — [S.l.] : Naïve, p. 2007
  • Splendor in the grass [Grabación sonora] / Pink Martini. — [Portland] : Heinz Records, cop. 2009
  • Joy to the world [Grabación sonora] / Pink Martini. — Portland : Heinz Records, cop. 2010
  • A retrospective [Grabación sonora] / Pink Martini. — [S.l.] : Naïve, p. 2011

Lista de Reproducción Forum Decembro: Rock duro

Rock

E un ano máis,  como quen non quere a cousa chegu Decembro, e con el o Nadal, as comilonas, os agasallos, os reencontros coas persoas queridas e como non… as panxoliñas. Pero este mes a nosa Lista de Reproducción non vai precisamente de panxoliñas, vai de rock, e ademáis, de rock duro.

O rock duro é un xénero musical derivado do rock and roll con influencias de guitarras blues relacionado en principio co heavy metal. Emerxeu a finais da década dos 60 nos Estados Unidos e Europa, particularmente na illa de Gran Bretaña. As bandas ás que adoita atribuirse a xestación do xénero son Deep Purple, Black Sabbath e Led Zeppelin. Por certo, que o nome desta última banda xurdiu dun mal chiste de Keith Moon (batería da banda The Who), quen dixo que a banda fracasaría como un zeppelin de plomo.

Aquí abaixo deixamos a nosa Lista, con cancións de AC/DC, Metallica, Black Sabbath e moitas outras bandas míticas deste xénero. Unha novidade: se pinchas no nome da banda poderás achegarte a súa páxina web onde discografía, historia, anécdotas e outras moitas curiosidades espéranche. Lembra que podes atopar os discos da selección e outros moitos nas nosas Bibliotecas!

logo lista    

     

       LISTA DE REPRODUCCIÓN

                  NOVEMBRO

         

AC/DC – Highway to hell

Aerosmith – Live! Bootleg

Alice Cooper – Alice Cooper’s greatest hits

Barón Rojo – Volumen brutal

Black Sabbath – The Sabbath Collection

Bon Jovi – Cross Road

Cult, The – Electric

Deep Purple – Made in Japan

Dream Theater – Systematic chaos

Foo Fighters – One by one

Guns n’Roses – Appetite for destruction

Iron Maiden – Rock in Rio

Jimi Hendrix – Jimi Hendrix I y II

Judas Priest – Metal works 73-93

Kiss, The – The very best of Kiss

Led Zeppelin – Mothership

Leño – Más madera

Megadeth – Peace sells__but who’s buying?

Metallica – Metallica

Motörhead – Ace of Spades

Ozzy Osbourne – Live at Budokan

Rory Gallagher – Stage struck

Scorpions – Acoustica

Thin Lizzy – Whiskey in the jar

UFO – The wild, the willing and the innocent

Van Halen – 1984

Who, The – Who´s next

ZZ Top – Tres hombres

Fronte a impunidade do poder, o “Estado de Shock” dos anónimos UN

Non sabemos quen son, para alén de músic@s galeg@s cabread@s con todo o que está a pasar. Non o sabemos, ademais, porque eles e elas non queren que se saiba, cando menos polo momento. Preséntanse vía facebook e exprésanse con contundencia. Acumulan forzas e gardan agochada, para cando cheguen os directos, a maneira de mostrar as facianas e ensinar os dentes.

UN é o nome- simbolo, baixo o qué se agocha o proxecto dun músico ao que acompañan en directo outros cinco, e que se constituíu a principios do 2011.O obxectivo deste proxecto é crear temas musicais, que teñan como denominador común a denuncia social e as relacións persoais.

un

UN sae á luz como un grupo segredo, polo que non aparecen nomes nos créditos do disco, nin quen compuxo os temas. A idea é que o grupo, en principio, non teña identidade e sexa un comando que actúa dende o anonimato; ata que se descubra a identidade dos compoñentes cando comecen as actuacións en directo. 

Detrás das siglas UN hai un comando que ten como armas instrumentos musicais, os cales disparan cancións que denuncian a situación, do “ ESTADO DE SHOCK” no que estes individuos nos meteron. A impunidade dos poderosos, as estafas de bancos e caixas, os banqueiros, as preferentes, os desafiuzamentos, a miseria, o empobrecemento, a situación de mozas e mozos, os estudantes, a violencia de xénero, etc… son o “leiv motiv” das creacións de UN.

un_b

Isto que vides de ler é o pouco que se pode contar nesta altura. Pouco máis sabemos, aínda que algunhas outras cuestións foron trascendendo. Basicamente, que detrás de UN hai músicos coñecidos do noso panorama músical e que algúns deles foron vítimas da estafa das preferentes. Para comezar a descubrir o seu son podedes facelo co video que vos deixamos a seguir…