En clave de Á

A relación de literatura e música é unha das máis antigas e frutíferas colaboracións que se producen entre distintas manifestacións artísticas. Falar da marabillosa conmoción que ambas provocan é tan evidente como subxectivo. Na sonoridade, na iconografía, na pegada social… tanto chegan a compartir que hai cancións que son pura poesía e parágrafos que teñen melodía propia.

Na Biblioteca Ágora non se nos ocorreu mellor xeito de comezar o ano que alimentando esta relación. Grazas á colaboración dos estudantes do Conservatorio Superior de Música poñemos en marcha un atractivo proxecto musical para facer que os venres na biblioteca sexan diferentes: En clave de Á. Un ciclo de música de cámara que terá lugar o último venres de cada mes na zona xuvenil da biblioteca (sempre e cando os quefaceres académicos e/ou bibliotecarios, que non son poucos, non impoñan o contrario).

Cartaz_ClaveA

Os rapaces e rapazas do Conservatorio afirman que non hai cousa que poida apetecerlle máis a un músico que tocar, e máis aínda se é no seu barrio. Ilusiónalles poder amosar o seu repertorio diante do público real, público que adoita escasear nas audicións académicas. A primeira oportunidade para escoitalos vai ser este venres 26 de xaneiro ás 19 h. Nesta ocasión recibiremos a Laura Martínez e Eloy Vázquez.

Laura, no seu derradeiro ano de estudos, ofrecerá un pequeno anticipo do seu concerto de fin de grao. E como representante da Asociación de Estudantes do Conservatorio, Eloy tampouco quería nin podía perderse o comezo deste ciclo. Grazas a eles descubriremos como un instrumento imprescindible, a guitarra, pode facer marabillas en sonatas, oberturas ou temas con variacións, creando auténtica maxia sonora.

a

Laura Martínez e Eloy Vázquez serán os protagonistas da primeira sesión do ciclo musical. 

Un concerto de música íntima, pequena, acolledora, nun marco ideal para amosar o talento e esforzo dos nosos músicos máis novos. Coa finalidade, ademais, de apoiar a educación e cultura musicais da nosa cidade. Recordade, a partir do 26 de xaneiro e cada último venres de mes, agardámosvos a partir das 19 h nunha interesante actividade que será de entrada libre e para todos os públicos. Achégate a vivila connosco!

2 opinións sobre “En clave de Á

  1. Pingback: Un novo venres… en clave de Á | Bibliosons

  2. Pingback: En clave de Á-niversario | Bibliosons

Deixar un comentario