Lista de Reprodución Fórum: voces de muller

Se algo caracteriza ao mes de marzal é o día  8 de marzo, Día Internacional da Muller.  No noso blog musical queremos celebrar de forma específica esta data adicando a Lista de Reprodución ás mulleres talentosas que enchen as nosas músicas de voces femininas con moito que dicir e berrar. Artistas de sempre pero tamén voces novas que chegaron para quedarse e que abranguen moi diversos estilos.

Antía Muíño é unha das revelacións musicais do 2023. Gañou un premio Martín Codax da música galega e recibiu dous nomeamentos aos Premios MIN, ademais de ser embaixadora de EQUAL Spotify ou aparecer en Billboard despois da saída do seu primeiro disco “Carta Aberta” a finais do 2022.

O Paxaro-Antía Muíño

Pero se o 2023 foi brillante para a da Costa da Morte, o 2024 non pode pintar mellor, comezouno presentando “O Paxaro”, un sinxelo no cal Antía Muíño recolle coplas tradicionais para unir música tradicional galega, canción alternativa de autor e electrónica nun mesmo espazo, deixando claro o xiro que deu o seu son.

No caso da cantautora viguesa Su Garrido Pombo, a música formaba parte do día a día da súa aldea polo que cantar é parte da súa vida. Sen embargo, a carreira profesional de Garrido comeza após gañar o premio Fran Pérez Narf da Deputación da Coruña no ano 2018. Falamos dunha cantautora pero cuxo estilo abarca varios xéneros e cruza moitas fronteiras, incluíndo jazz, latín, bossa e folk. Susana canta as súas propias cancións, así como versións doutros artistas.

Silvia Penide ven de celebrar, este pasado 2023, os seus 20 anos de carreira coa publicación do disco “Mientras dure el aplauso”. Este último traballo da coruñesa conta con colaboracións como as de Mercedes Ferrer, Víctor Manuel ou Javier Álvarez, respectivamente. No novo LP, Penide tamén comparte as súas cancións con Eladio Santos, Ugía Pedreira, Félix Arias, Andrés Suárez ou Guadi Galego, con quen reinterpreta “El salto”, o primeiro sinxelo do disco.

Tamén resaltamos a Uxía, A banda da loba, Sés, a sempre inesquecible Ana Kiro ou as queridísimas Leilía que, para mágoa dos seus milleiros de seguidores, despedíronse dos escenarios cunha xira que puxo o punto final o pasado xaneiro en Compostela.

Esta é só unha pequena escolma pero o que está claro é que a música en feminino está máis viva ca nunca. Convidámosvos a que levedes en préstamo os seus discos que tedes dispoñible na Biblioteca Fórum e tamén a que escoitedes a lista na nosa canle de spotify e que nos digades cales son as vosas voces de muller imprescindibles que debemos engadir á lista.

Lista Reprodución Fórum: voces de muller

Uxía –  Meu Canto, A banda da loba – Fábrica de luz, Astrogirl – Toro, Leilía – Madama, Agoraphobia –  Unaligned, Rosa Cedrón – Nada que perder,Cora Velasco – Sortilegios, Paula Parker –  Live, Ialma –  Camiño: de Bruxelas a Santiago – Bala – Maleza, Miriam Rodríguez –   Cicatrices, Alba María –  Aínda, Aíd –  Jugando, Sés –  Co xenio destrozado, Marem Landson – Marem Landson, Timparrantela – Se te quien foi polos grelos, Silvia Penide – Kilómetros, Ana Kiro – Galega Traballadora, Antía Muíño – Carta aberta, Susana Garrido Pombo – Quedo a vivir aquí

Nastasia Zürcher en ACÚSTICO

Este sábado día 2, poderemos ver a Nastasia Zürcher na Coruña, nun concerto en acústico acompañada polo guitarrista Mister Cool. A cita é na sala “La Disfrutona”. Fará un repaso polos 3 discos que asina a compositora, galardoada como “Artista do Ano” e mellor álbum de “Blues, Funk, Soul” nos Premios Martín Códax da Música 2022 polo seu último traballo discográfico “But life is beauty full”.

Na vida da cantante Nastasia Zürcher, nacida en Xenebra e asentada en Galicia desde os doce anos, a música estivo sempre presente desde a súa infancia, xa que ven dunha familia de músicos e comezou aos 6 anos a súa formación musical co violín, logo a batería, ate que finalmente aos 10 anos comezou as clases de canto. A día de hoxe acompáñase e compón tamén co piano. O seu primeiro disco en solitario, “My Flight”, viu a luz no ano 2015, dende entón non deixou de crear.

Dende Bibliosons puidemos falar con ela e coñecer máis de preto a súa música.

B. En “My Flight”, que significa o teu voo, recolles a túa experiencia de vida e o crecemento da túa alma… Sen dúbida é un disco que transmite moitas emocións, unhas máis alegres, outras máis nostálxicas… Como dirías que evolucionou a túa música dende aquela ata o teu premiado terceiro álbum “Blues, Funk, Soul”?

N. Diría que a produción e a instrumentación é a pata que máis evolucionou. As cancións seguen a ser baseadas nas reflexións e vivencias que transito, pero ao longo de cada disco foi medrando o envoltorio que as acouga.

B. Naceches en Suíza pero aos 12 anos viñeches a Galicia. Como se reflexa eso na túa música?

N. Na versatilidade estilística sobre todo, bebín e bebo de moitas fontes, estímulos, e iso, si ou si, está marcado nas música e letras.

Cada lingua aparece de forma natural xunto as melodías. Ao menos que teña desexo ou necesidade de facer algo nun idioma concreto, sempre deixo que a música fale por si soa e pida a lingua que a fai soar máis natural. É súper divertido observar como as cancións teñen vida propia.

B. Na túa música hai inglés, castelán, francés e galego. Como inflúe a lingua no teu proceso de composición?

N. Cada lingua aparece de forma natural xunto as melodías. Ao menos que teña desexo ou necesidade de facer algo nun idioma concreto, sempre deixo que a música fale por si soa e pida a lingua que a fai soar máis natural. É súper divertido observar como as cancións teñen vida propia.

B. Pasaches por formato en solitario, Nastasia Zürcher Beat Trio, Düo, un quinteto, logo banda completa co sexteto The Beauty Full Band, e este sábado poderemos verte en formato acústico. Como te sentes máis cómoda?

N. Recoñezo que teño debilidade polos formatos acústicos. Esa intimidade,, esa cercanía que se xenera, as dinámicas cobran total protagonismo xunto as cancións, é volver á orixe do proceso creativo que son as melodías e letras navegando pola miña cabeza, é o puro estado creativo.

B. Algo vimos en redes que para este sábado hai artista invitada, que nos podes adiantar?

N. Temos a tremenda alegría de que nos acompañe na estrea a miña compañeira e inigualable Carmen Rey. Ela forma tamén parte do sexteto co novo disco, aos teclados e os coros. É un luxo total compartir escenario e música xunto a Carmen. Admíroa dende fai moitísimos anos e tivemos a sorte de coincidir en varios proxectos ate agora. Tiña clarísimo que a quería a ela para a nova banda! É das vocalistas máis increíbles desde planeta.

B. Xa comezos de marzo, vense enriba a época de festivais e concertos, como está a túa axenda?

N. Ten vida propia jejeje. Entre os concertos co formato acústico que estamos arrancando así como os espectáculos da nova obra de teatro na que fago a música “BOA SORTE, MALA FAMA” que estrenamos en febreiro, poucas finde libres quedan, o cal é unha alegría total!

Nastasia Zürcher – O IMPULSO (Videoclip oficial)

B. E xa para rematar, que lle dirías ao público que aínda non te coñece para que se anime a escoitar ou a ir a algún dos teus concertos? Nas bibliotecas municipais tedes dispoñible para o préstamo o disco “Beat”.

N. Quen teña ganas de vivir un momento de liberdade total, de navegar polas emocións e estilos musicais sen prexuízos nen complexos, así como de cantar, gozar e sentir a vida pasar por cada poro do corpo, que se acerque o sábado a sala La Disfrutona 🙂

B. Moitas grazas por todo, foi un pracer falar este anaquiño contigo e desexámosche moitos máis éxitos

N. GRAZAS A VÓS!!!!!!

En clave de Á na Biblioteca Ágora

Un ano máis a Biblioteca Ágora, en colaboración coa Asociación de Estudantes do Conservatorio Superior de Música da Coruña (CSM), ofrece ao público a oportunidade de gozar da música en directo entre libros.

Un xoves ao mes, de febreiro a maio, solistas e grupos de cámara do CSM compartirán a súa arte no ciclo de concertos “En clave de Á. Con este proxecto, que viu a luz por vez primeira no ano 2018, queremos dar desde a biblioteca oportunidade ao alumnado do CSM de ensaiar o seu repertorio fóra das aulas con espectadores reais e ao noso público a fermosa oportunidade de escoitar música en directo nun espazo distinto aos habituais como é a sala de adultos da Biblioteca Ágora.

Imaxe tomada no concerto celebrado o 13 abril de 2023. Fai click na imaxe para ver o álbum de fotos en Flickr do ciclo “En clave de Á”.

Dentro deste ciclo, a primeira cita musical de 2024, é o vindeiro 8 febreiro ás 19.30 horas. Un evento no que teremos ocasión de escoitar e desfrutar do talento musical e artístico do Quinteto Caos -composto por Sara Piñeiro Rivas (trompeta), Xabier Vázquez Gutiérrez (trompeta), Pablo Pazos Rial (trompa), Antía Pardo López (trombón) e Daniel Varela Agra (tuba)- e do Dúo Shostakovich, formado por Esther Fernández González (violonchelo) e Sabela Alvariño González (piano). Velaquí o programa completo da velada:

Fai click na imaxe para ampliar información da proposta na web das Bibliotecas Municipais da Coruña.

Agardámoste este xoves 8 de febreiro ás 19.30 h na Biblioteca Ágora para gozar da música en directo nun concerto con entrada libre e para todos os públicos!

Lista Reprodución Fórum : Os máis prestados do 2023

Na primeira Lista de Reprodución do ano toca, coma xa ven sendo costume, botar a vista atrás e facer unha recopilación dos discos máis prestados o ano anterior. Así que aí van os 20 gañadores.

Rayden – La victoria imposible

É o séptimo álbum de estudo do madrileño Rayden no que se reflicte a evolución sufrida ao longo da súa carreira e no que prima claramente un espírito libre, cunhas letras moito máis afiadas. Ao longo dos 14 temas, Rayden experimenta coa diversidade temática (amor, ansiedade, olvido…) e de estilos musicais. Pero se hai algo no que non escatima é á hora das colaboracións, así atopamos cancións con Travis Birds, Dani Fernández, Covi Quitana ou Álvaro de Luna.  

A banda da loba –  Xabón Lagarta

O pasado 28 de decembro, A banda da Loba pechou, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, a súa xira Xabón Lagarta. Un espectáculo baseado no universo vital das lavandeiras e que se detivo nos lavadoiros como espazo de reflexión e insubmisión, como lugar onde tecer esa rede de coidados e afectos coa que enfrontar o día a día, onde poder expresar as preocupacións e os desexos máis prohibidos, rebelándose contra un sistema que ‘sabéndonos imprescindibles, nos nega dende a raíz’. 

Foi unha noite máxica, na que as lobas, rodeadas de amizades, puxeron un punto e seguido na súa andaina musical para somerxerse, neste 2024, no proceso creativo do seu seguinte traballo discográfico.

Gabinete Galigari –  Camino Soria

Porque os clásicos nunca pasan de moda, non nos sorprende atopar entre o máis prestado do ano a “Camino Soria”. O disco supuxo unha apertura no son do grupo, unha evolución lóxica que os levou desde o punk como punto de orixe, cara a un pop de clara ascendencia british.A partir do presente traballo Soria deixou de ser só unha punto xeográfico e transformouse nun recuncho dentro dos corazóns rotos, un bo destino onde poder ir cando xa todo está perdido.

Poucos poñerán en dúbida que Gabinete Caligari é un dos grupos máis grandes do rock deste país e Camino Soria un dos seus mellores traballos.

Gabinete Caligari Camino Soria (HD)

Jarabe de Palo – De vuelta y vueltaAlgo máis recente é “De vuelta y vuelta”, traballo co qu Jarabe de Palo sae da súa zona cómoda e amosa unha personalidade propia. No disco apréciase unha fusión de xéneros e conta con colaboracións de luxo, entre elas a de Antonio Vega.

A lista segue ata completar os 20 traballos que xa tedes dispoñibles tanto para o préstamo na Biblioteca Fórum coma na nosa canle de spotify.

Lista Reprodución Fórum: Os máis prestados do 2023

Cold Play –  Mylo Xyloto, Dire Straits – Sultans of Swing, Franz Ferdinand – You could have it so much better, Héroes del Silencio –The Platinum Collection, Julieta Venegas –  Limón y sal, Dulce Pontes – Momentos,Tanxugueiras – Diluvio, Sés –  Diante un eco, Gabinete Galigari –  Camino Soria – Rayden – La victoria imposible, David Bowie –   Changesbowie, Rosalía –  Motomami, A banda da loba –  Xabón Lagarta, Harry Styles –  Harry´s house, Jarabe de Palo – De vuelta y vuelta, Cold Play – Viva la vida, Arcade Fire – We, Perry Lee – Psyche & Trim, Taylor Swift – Lover , Burning Spear – Creation Rebel

Concerto de Nadal: Nouvelle Cuisine

A Biblioteca de Estudos Locais reúne para o seu xa tradicional Concerto de Nadal a un grupo que fai tempo que non escoitamos en directo: os coruñeses Nouvelle Cuisine.

Nouvelle Cuisine, grupo pop independente é un dos grandes tesouros do pop feito en Galicia. A banda nace no 2001 con David Miranda (guitarra e voz), Javier Garrido (guitarra e voz), Carlos Lens (batería), Gonzalo Diz-Lois (baixo) e Jorge Martínez (teclados). Comezan a labrar un interesante camiño a base de maquetas autoeditadas e no ano 2007 lanzan o seu primeiro traballo de longa duración “Autodictado” (Nouvelle Cuisine, 2007). Un ano despois chega “De Memoria” (Nouvelle Cuisine, 2008), con Edu Poch no baixo a partir de entón. En 2010, David Miranda pasa a colaborar esporádicamente co grupo para centrarse no seu traballo en solitario The Cripple and The Tramp. En decembro do 2012 Nouvelle Cuisine racha con dous anos de silencio para volver co EP “Mientras Tanto (Colección Otoño / Invierno)” (Nouvelle Cuisine, 2012).

Entre os méritos que contan na súa colleita, os coruñeses foron grupo revelación, maqueta do ano, disco votado entre os mellores de 2007 en Galicia e soando tanto no programa Discogrande de Radio 3 coma en programas locais. Tocaron con grupos tan recoñecidos coma Dorian, La Habitación Roja, Tachenko etc., en festivais coma o Festival do Norte, Primavera Sound e Paredes de Coura. Pero se algo os caracteriza é que son un grupo de directo que fai notar un especial coidado no son e nos matices das composicións.

Tal e como se definen eles mesmos, Nouvelle Cuisine:

é un grupo que se inspira no cotián e intenta darlle un tratamento que se escape do obvio

Dende Bibliosons tivemos a oportunidade de falar un anaquiño con David Miranda (guitarra e voz) e que agora está metido de cheo no seu novo proxecto DEVALO.

B. Antes de nada, a pregunta é case obrigada, canto tempo hai que non vos xuntabades para tocar como “Nouvelle Cuisine” e que supón este concerto para vós?

D. A última vez foi en decembro de 2018, grazas a unha invitación da Barbería, un dos nosos locais favoritos da Coruña. Como naquela ocasión, o concerto na Biblioteca de Estudos Locais deste ano é unha oportunidade para volver desfrutar da música entre amigos, xa que a nosa amizade vai moito máis alá do grupo, e de rememorar algunhas das nosas cancións nun formato algo diferente. Aínda que non temos unha actividade estable, cando nos invitan soemos aceptar porque desfrutamos moito de tocar xuntos de novo.

o concerto na Biblioteca de Estudos Locais deste ano é unha oportunidade para volver desfrutar da música entre amigos, xa que a nosa amizade vai moito máis alá do grupo, e de rememorar algunhas das nosas cancións nun formato algo diferente.

B. Dende o comezo de Nouvelle Cuisine aló polo 2001 até o de agora pasaron moitos anos e tamén moitos acontecementos, que destacarías da túa evolución no mundo da música?

D. Desde o 2010 deixei de participar con continuidade en Nouvelle Cuisine porque se me fixo complicado debido á miña marcha a Gales, malia que aínda estiven uns cinco anos facendo todo o posible para estar nos concertos, nas gravacións, etc. Desde entón, fun buscando diferentes camiños para explorar as miñas inquedanzas musicais, coma o proxecto de neofolk en inglés The Cripple and the Tramp, e colaboracións coas poetas María do Cebreiro e Lorena Souto. Ademais do valor que teñen en si, esas experiencias tamén me serviron para desenvolverme non só como compositor, senón tamén para aprender a gravar mellor desde a miña propia casa. E así foi como cheguei a DEVALO, o proxecto co que estou agora, e co que tiven a sorte de sacar xa dous discos con Ferror Records. En certo modo, DEVALO foi tamén unha recuperación de influencias da época de Nouvelle Cuisine, mais cun tratamento diferente, ao ser un proxecto persoal.

B. Dicía antes que pasou tempo pero tamén que a sociedade evolucionou e en non todos os aspectos para mellor, moitas veces podemos incluso deixarnos levar por un sentimento de pesimismo. Algo diso hai no teu disco anterior “Luz/Sombra”. Que mensaxe pretendías transmitir?

D. Totalmente. Penso que vivimos xa desde fai máis dunha década instalados nunha crise continua. Non é que antes as cousas fosen perfectas nin moito menos, pero penso que a sensación de crise persoal e social se agudizou. Nese sentido, “Luz/Sombra” nace da evocación de diferentes momentos de crise persoal, mais tamén coa intención de que as cancións non se queden aí, senón que poidan resoar nas persoas que se acheguen a elas. E ao mesmo tempo, a luz loita coa sombra para saír dese sentimento de escuridade.

B. Tanto anteriormente en Nouvelle Cuisine coma agora na túa etapa con Devalo, dirías que os temas reflexan experiencias persoais ou máis ben temas universais? Porque emocións transmiten moitas.

Alégrame moito que sintas que transmiten emocións! Porque de feito esa foi sempre a intención principal das miñas cancións. Non son un compositor moi narrativo, non adoito contar historias, que por outra parte é algo que me gusta moito noutros artistas. Mais eu son máis de evocar sentimentos, que si que adoitan xurdir de experiencias persoais, mais non teñen a intención de contar a miña vida, senón de conectar con outras persoas a través desas emocións que busco transmitir.

B. O novo disco “Azul vindeiro” verá a luz a próxima primavera e xa podemos gozar dun adianto “Zombies en Londres” no que seguimos apreciando unhas melodías marabillosas, potentes, melancólicas e que crean unha atmosfera envolvente. Os demais temas van nesa liña? Avánzanos algo do que imos atopar.

D. Si, por aí irá tamén o resto do disco, aínda que o ton das cancións é variado. Hainas tamén máis alegres e festeiras, como o primeiro sinxelo que saquei o verán pasado, “Rachí”, e outras máis introspectivas. Sempre me custa falar dos meus discos, así que estou con moitas ganas de que saia para coñecer ás reaccións da xente. Aí é cando as cancións realmente toman vida, na escoita, máis alá do que eu pretendese facer.

B. Os discos con Devalo están escritos íntegramente en galego. Que te levou a dar ese paso e máis vivindo fóra de Galiza?

D. Aínda que eu fun educado sobre todo en castelán, a miña familia vén de entornos galegofalantes, pero tardei en escribir cancións en galego. Tiven unha experiencia marabillosa adaptando poemas de María do Cebreiro, para un disco que sacamos xuntas no 2011. Sentinme tan ben cantando en galego que repetín con Lorena Souto anos despois, e cando me puxen a compoñer para DEVALO, xa nin pensei facelo noutro idioma. Non pecho a porta a escribir noutras linguas, mais si que teño claro que a vía principal de expresión para as miñas cancións vai seguir sendo o galego.

Non pecho a porta a escribir noutras linguas, mais si que teño claro que a vía principal de expresión para as miñas cancións vai seguir sendo o galego.

B. E xa para rematar, despois de tantos anos facendo música, que papel dirías que ten a música na túa vida?

D. Penso que se non hai música na miña vida, realmente non é vida. De feito pasei hai anos un período no que case non collín un instrumento, como se iso xa fose algo do pasado para min, e foi un momento moi escuro, no que non era eu mesmo. Os primeiros recordos que teño de neno son de feito cantando e mesmo inventando cancións. A música é para min unha necesidade vital.

Moitas grazas polo teu tempo David e agardamos impacientes a saída do disco. Namentras vémonos, a cita é o vindeiro venres 22 de decembro ás 19 h. na Biblioteca de Estudos Locais.

Á espera das novidades outonais

Setembro e outubro son sempre meses nos que moitos dos artistas e bandas aproveitan para sacar novos traballos, discos que preceden a longas xiras a ambos lados do Atlántico. E precisamente de novidades queremos falar hoxe, ou para ser máis exactos de grupos e bandas que recén acaban de sacar novo disco aínda que por algúns deles teremos que agardan un chisco a que formen parte da nosa colección, pero dos que sí gozamos de discos anteriores.

É o caso da banda León Benavente formada no 2012 da unión dalgúns dos músicos máis reputados e veteranos do panorama nacional, con Abraham Boba á voz e aos teclados. A banda ten programada unha xira de dez concertos especiais para celebrar os dez anos da edición do seu debut discográfico como grupo. Agora reeditan ese primeiro disco nunha edición especial que inclúe “Década”.

León Benavente – Nuestro Aniversario (Videoclip oficial)

Tamén o pasado 27 de outubro viu a luz Marc, Axel y Jes,  o título do undécimo álbum dos cataláns Sidonie en 25 anos de incesante éxito. Os nomes dos protagonistas son un claro indicador de que este disco é a pura esencia de tres amigos que fan música, o álbum marca o pistoletazo de saída dunha xira que arrinca en México pero que rodará polas salas de toda España e coñecendo a Sidonie xa sabemos o que podemos agardar porque o que mellor se lles dá aos cataláns é pasalo ben.

Marc, Axel y Jes 23 de octubre, presentación Sala El Sol (Madrid)

Seguindo en territorio nacional temos que facer mención a “Caldo Espírito”, o álbum número 16 na ampla traxectoria profesional do coruñés Xoel López, e que acaba de saír o pasado mes de outubro. O novo álbum é unha viaxe evocadora e conmovedora que anima a explorar as experiencias que abarca a vida contemporánea.

Se cruzamos o Atlántico, atopamos que, tras a publicación de “Cruel Country” en 2022, unha das bandas de rock americano máis influínte das últimas décadas, Wilco regresan co seu décimo terceiro traballo “Cousin”. Cousin é un disco provocativo e evocador que, aínda que está relacionado co noso presente, explora novas fronteiras sonoras.

Wilco’s Sky Blue Sky 2022 Recap Video

O pasado 13 de outubro saiu tamén o sexto álbum de estudo de The Drums titulado “Jonny” (2023). Jonny Pierce, a mente creativa detrás do proxecto The Drums,  fala de que este é o disco máis persoal e íntimo que realizaron. Jonny chega tan só dous anos despois do seu predecesor Mommy Don’t Spank Me (2021).

Coma sempre a lista segue e podes escoitala ao completo na nosa canle de spotify así como facernos as túas suxerencias para ampliala.

Lista Reprodución: novidades de outono en spotify

Xoel López  – Sueños y pan. Sidonie  – Sierra y Canadá. Ángelus Apatrida  –  The Call. León Benavente – León Benavente. Ismael Serrano – 20 años hoy y siempre. The New Raemon – La dimensión desconocida. Taylor Swift – Lover.  Prince – Prince 1999. Andrés Suárez – Mi pequeña historia.  Madonna – Rebel Heart Tour. Kylie Minogue – CautivoThe Abbey Road Sessions. Wilco – Yankee Hotel Foxtrot.  Jason Derulo – Tattoos. The Drums – The Drums. Pink Floyd – The wall. Ed Sheeran – Subtract. Prince – Sign “o” the times. Antía Muíño – Carta aberta. Guadi Galego – Lúa de outubro e agosto. Chayanne –  Cautivo. 

Ana Kiro representa a Galicia na Eurovisión da Intelixencia Artificial.

Galicia participa por segunda vez no AI Song Contest, un festival europeo dedicado exclusivamente á creación de música mediante Intelixencia Artificial. Trátase dun proxecto que foi impulsado en 2020 pola radio e televisión pública neerlandesa VPRO, coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión, o organismo encargado do Festival de Eurovisión. 

O próximo 4 de novembro, 10 países competirán na Gran Final do AI Song Contest 2023, o Festival Mundial da Canción de Intelixencia Artificial. A cuarta edición deste certame musical levarase a cabo na Coruña e ten por lema Walking with AI (O Camiño da IA) (Camiñando coa IA).

Imaxe de Ana Kiro xerada por intelixencia artificial para o proxecto.

Un modelo de intelixencia artificial da cantante, presentadora e actriz Ana Kiro representará a Galicia co equipo PAMP! e a canción Florespiña. As persoas responsables desta iniciativa pioneira levan por nome PAMP! (Proxecto Ana María Prieto), tributo á primeira muller programadora informática galega. Trátase dun equipo multidisciplinar de artistas, enxeñeiros, investigadores e músicos galegos, que teñen o obxectivo de promover a lingua e cultura galega no eido internacional, a través do uso de novas tecnoloxías. A iniciativa está liderada polo xornalista Joel Cava, da axencia creativa compostelá Cecubo Group e que conseguiu a segunda posición con AI-Lalelo o ano pasado neste festival celebrado na cidade belga de Liège.

A proposta, que conta coa aprobación expresa e o recoñecemento da famila de Ana Kiro, ten como obxectivo “inmortalizar e resignificar o seu legado ás novas xeracións empregando a intelixencia artificial” segundo apuntan dende o equipo promotor. 

Florespiña (“Thorny Flower”) – Galicia – PAMP! ft Ana Kiro – AI Song Contest 2023

Florespiña comeza cun recitado da artista que regresa tras trece anos de ausencia polo seu pasamento. Raíz e modernidade fúndense creando un estilo propio. O resultado final de todo o proceso creativo é un periplo pola Galicia profunda co toxo, a súa flor e o folklore propio como protagonistas. Unha merecida homenaxe a María Dolores Casanova González (1942-2010) unha muller feminista, galeguista e progresista, que se personifica na imaxe da flor do toxo. O tema pódese escoitar nas principais plataformas en liña, e xa superou as 7.000 reproducións dende a súa estrea.

A gran final desenvolverase a través dun programa de televisión en directo con público asistente en Studio Follow da Grela, onde a cultura galega estará moi presente, e converterá a cidade herculina na capital mundial da música feita con intelixencia artificial. Por fin poderemos ver a gran Ana Kiro nunha final, posto que xa estivera a piques de participar no 1969 representando a España no festival de Eurovisión, pero finalmente a elixida foi a cantante Salomé, que se alzou coa vitoria con “Vivo cantando”. 

Boyanka Kostova no AgoraSón do outono 2023

Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2023, con Boyanka Kostova en concerto.

Para quen aínda non os coñeza, Cibrán e Chicho son os dous integrantes de Boyanka Kostova, nome tomado da coñecida deportista rusa. Como dato curioso cabe sinalar que a elección do nome aconteceu meses antes de que a polémica rodeara á que fora campioa olímpica no ano 2012 e lle foran retiradas as medallas. A elección, segundo os propios integrantes do dúo teñen declarado, foi cuestión de estilo e gusto xa que querían un nome contundente co que se enchera a boca ao pronuncialo.

Boyanka Kostova nace no 2016, pero tanto Cibrán coma Chicho veñen de formacións anteriores e querían seguir facendo música. Chicho tamén ten o proxecto de Ortiga e Los Rastreadores, con Nuno de Grande Amore. Aínda que os seus comezos foron co rap pasaron despois ao trap nun momento en que o trap estaba empezando a desenvolverse en España, porque en Estados Unidos xa levaba tempo. Foi así como Cibrán e Chicho empezaron a escoitar trap e despois decidiron probar e, vaia se a cousa saiu ben!! 

Seguen baixo a etiqueta dos pioneiros do trap en galego pero entenden que non é máis ca un recordatorio para algunha xente para que saiba por onde van os tiros. O estilo que verdadeiramente encaixa cos de Santiago é, segundo a súa propia definición

“un rollo ecléctico de pasalo guai e nisto caben todo tipo de xéneros e estilos, poderíase dicir música urbana, pero é que iso engloba practicamente todo: do trap ao reguetón, ao dance…Case todo o que se fai co ordenador”.

Boyanka Kostova – Orquesta (Video oficial)

Sexa trap, música urbana…. as cancións de Boyanka Kostova falan do que son eles mesmos, das súas experiencias, da súa cultura… dous rapaces criados en Santiago pero con conexión co mundo do rural, compoñente que se percibe fortemente nos seus temas. Son ademáis desacomplexados, retranqueiros e divertidos porque o seu obxectivo e facer música para pasalo ben, divertirse e botar unhas risa

Teñen abonda experiencia tanto en grandes escenarios coma o Festival Son do Camiño ou a propia Praza da Quintana en Compostela, pero tamén en escenarios pequenos. Toquen onde toquen, o que non varia é a tónica, no escenario pasan de cero a cen nun segundo baixo a fórmula de pasalo guai e arrasar ao máximo no momento.

Por iso, se aínda nos os vistes en directo non perdades esta oportunidade o próximo día 14 de outubro ás 21.00 horas no auditorio do Centro sociocultural Ágora.

A asistencia é de balde, previa recollida de invitación ata esgotárense nas Bibliotecas Municipais a partir do 6 de outubro no horario de apertura de cada biblioteca. Non quedes sen a túa!!!

Lista Reprodución Fórum: Volta á rutina

Si, quéiralo ou non, setembro xa está aquí. Hai que afrontar a volta á rutina da mellor maneira posible. Setembro é o noveno mes do ano e un dos que máis connotacións ten do noso calendario. Setembro supón a volta ao cole para os máis pequenos e o fin das vacacións para a maioría. Con el despedimos o verán e recibimos o outono. Con todo, Setembro tamén conleva cambios e é o mes idóneo, xunto con xaneiro, para comezar novos proxectos e cumprir novos (e vellos) propósitos. De feito para moita xente o ano comeza con este mes e non en xaneiro.

Musicalmente Setembro é tamén un mes moi recorrido e numerosos artistas usárono como pretexto para compoñer algunha das súas cancións. Xeralmente con toques nostálxicos e melancólicos, aínda que tamén de aires de esperanza ante novos comezos.

Imaxe de Marta Wave

September morn é unha balada dun dos grandes da música norteamericana no século XX, o neoryorquino Neil Diamond. Unha canción tan triste como marabillosa, que Diamond escribiu a medias co cantautor francés Gilbert Becaud en 1979.  September morn narra a historia do reencontro entre dous antigos amantes e de como os amenceres de setembro sempre evocaran aqueles tempos pasados en que estaban xuntos.

Artistas coma Frank Sinatra con September song (1965), Barry White con  September When I First Met You (1978), Neil Diamond e o seu September morn (1979), Johnny Cash and Rosanne Cash co tema September When It Comes (2003) e mesmo Miguel Bosé se rendeu aos encantos deste mes con Septiembre (1983).

BARRY WHITE – September

Non podía faltar Wake Me Up When September Ends, un dos himnos máis grandes de Green Day. Trátase dunha canción que conta cunha enorme carga emocional. A verdadeira orixe deste tema remóntase ao ano 1982 cando o pai de Billie Joe Armstrong, vocalista da banda, morreu a principios de setembro. O neno acudiu ao funeral do seu pai con tan só dez anos. Con todo, non foi capaz de controlar as súas emocións. Por iso, saíu correndo ata chegar á súa casa e encerrarse no seu cuarto. Cando a súa nai tocou a porta da súa habitación para falar con el e consolalo, Billie simplemente dixo “Espértame cando setembro acabe”. O que aquel neno non imaxinou no momento, é que esa sería a frase que vinte anos despois puxese nome a un dos seus sinxelos máis exitosos.

Green Day – Wake Me Up When September Ends [Official Music Video]

Aquí vola deixamos ao completo e non esquezades que os discos agárdanvos na Biblioteca Fórum para que os levedes en préstamo, podes consultar a súa dispoñibilidade no noso catálogo.

Lista ao completo en spotify

Neil Diamond  – 20 diamond hits. Frank Sinatra  – The platinum collection. Donna Summer  –  Live & More Encore. The Kinks – The singles collection. Led Zeppelin – How the west was won. U2. – No line on the horizon. Barry White – The ultimate gold collection.  Green Day – Warning. James Morrison – Songs for you, truths for me.  Guns n’Roses– Appetite for destruction. Johny Cash – The best of Johny Cash. Manic Street Preachers – Forever delayed.  Mecano – Siglo XXI. Los Enemigo – En directo: hasta el lunes. Bob Dylan – Love and theft. Quique González – Delantera Mítica. Joan Manuel Serrat – Versos en la bocaDiana Krall – The very best of Diana Krall. Ed Sheeran – Divide. Joni Mitchell –  Hejira. 

Novidades musicais na Biblioteca Fórum

O 21 de xuño celébrase o Día Europeo da Música que ten como obxectivo principal que os profesionais da música saian ás rúas para compartir a súa música co público e desta maneira darlles a oportunidade de gozar da súa arte dunha maneira gratuíta, sen importar o estilo, as xerarquías nin as orixes. O precursor desta idea foi o músico norteamericano Joel Cohen no ano 1976, quen propuxo que os grupos musicais tocasen durante os dous solsticios que se celebran cada ano, o primeiro, o 21 de xuño e o outro, o 21 de decembro.

Dende a Biblioteca Fórum aproveitamos a efeméride para compartir as últimas adquisicións musicais que xa podedes levar en préstamo.

Sés segue co seu ritmo imparable e con “Diante Un Eco” (Altafonte) asina o seu oitavo disco en menos dunha ducia de anos, algo dende logo non moi habitual. “Diante Un Eco” é unha volta ás súas orixes con moita rabia, bos coros e a súa guitarra eléctrica. O de Sés é un estilo único, un potente directo e, sobre todo, cancións de calidade que a levaron a ser considerada unha dos principais referentes da escena musical galega. De momento quedamos co disco pero de seguro teredes oportunidade de vela en directo durante este verán nas diferentes rúas e prazas das nosas vilas.

“Xabón Lagarta”, é o novo traballo da banda que leva o nome da mítica bandoleira do século XIX Pepa a Loba. Con “Xabón Lagarta” fan referencia

ao traballo das lavandeiras e aos lavadoiros, que era onde as mulleres podían falar das súas preocupacións, das cousas que lles interesaban e ser elas mesmas lonxe dos seus espazos domésticos, onde estaban os homes. Eran os seus espazos de liberdade, confidencias e insubmisión. Neste disco utilizamos ese fío condutor para falar de feminismo e de todos os temas que nos preocupan.

E é que as súas mensaxes comprometidas co feminismo e moitas inxustizas sociais son unha constante nas súas cancións. A Banda da Loba xa conta no seu haber con premios coma o  aRi[t]mar de música galega portuguesa no 2018, promovido pola Xunta de Galicia e a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela para divulgar a música e a poesía en galego e en portugués, que organiza desde fai oito anos un certame para premiar as mellores composicións do ano. No 2021 fixéronse co Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie.

E “Carta Aberta” é o primeiro álbum da santiaguesa Antía Muíño, toda unha revelación da canción alternativa de autor dos últimos anos. O álbum, de once cancións, transita por diferentes estacións, aínda que sempre coa canción galega como punto de conexión. Anímase a cantar en castelán en «Noviembro» e na versión do himno latinoamericano que é «La Llorona» e en francés na versión que fai do clásico medieval «Une jeune fillette». Antía fíxose co galardón a Mellor Artista Emerxente nos Premios Martín Códax da Música Galega. Con “Carta aberta”, traballo publicado o pasado novembro xa conseguiu ser seleccionada pola plataforma dixital Spotify como embaixadora da música española na lista EQUAL, que recolle o talento feminino feito en distintos países do mundo.

Entre as novidades incorporadas ao noso catálogo podes atopar tamén “Las ventanas de mi alma” de Luz Casal, “La victoria imposible” do madrileño Rayden, “72 Seasons” de Metallica, “Subtract” de Ed Sheeran, “Midnights” de Taylor Swfit e tamén o último de Iván Ferreiro “Trinchera Pop”.

Consulta a súa dispoñibilidade para levalos en préstamo.